Trabada opta a 75.000 euros para ampliar e mellorar os seus espazos verdes

AMariñaXa
O Concello presenta en tempo récord unha solicitude á Xunta para actuar na área de autocaravanas e no entorno do centro social da Ría de Abres con novos elementos sostibles e zonas de descanso
Concello-de-trabada-edificio-casa-consistorial
3 Mar 2026

O Concello de Trabada vén de formalizar a solicitude dunha subvención convocada pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático co obxectivo de crear novos espazos verdes e mellorar áreas de uso público no municipio. Trátase dunha liña de axudas que se concede por orde de entrada, polo que desde a administración local se actuou con rapidez para non perder opcións.

Segundo explicaron fontes municipais, unha vez aberto o prazo oficial, a petición foi rexistrada en apenas cinco minutos, nun intento por situarse nas primeiras posicións e aumentar así as posibilidades de acceso aos fondos. O proxecto presentado conta cun investimento previsto de 75.000 euros e céntrase en dous puntos concretos: a zona de autocaravanas e o entorno do centro social da Ría de Abres, espazos moi frecuentados tanto pola veciñanza como polas persoas visitantes.

As actuacións previstas inclúen a instalación dun peche natural que delimite o recinto e contribúa á súa integración paisaxística, así como a creación de novas áreas de descanso a través da colocación de pérgolas de madeira con cuberta vexetal. Estes espazos estarán equipados con illas dotadas de mesas, bancos e papeleiras fabricadas con materiais reciclados, co propósito de mellorar a funcionalidade e o confort, ao tempo que se reforza o compromiso ambiental.

O alcalde, Rubén García, salientou que o Concello continúa a tramitar todas as convocatorias ás que pode optar, ao consideralas “fundamentais para seguir avanzando na mellora dos espazos públicos”. O rexedor destacou que a proposta presentada permitirá poñer en valor unha zona moi utilizada, transformándoa nun lugar “máis cómodo, máis verde e máis respectuoso co medio”.

Esta iniciativa intégrase nunha estratexia máis ampla coa que o goberno local pretende renovar progresivamente distintos puntos do municipio, apostando por contornas sostibles e adaptadas ás necesidades do rural. Desde o Concello reiteran que o seu compromiso pasa por impulsar proxectos que contribúan á calidade de vida da veciñanza e ao coidado do entorno natural.

0.12620496749878