Trabada ofrece asistencia gratuíta para facer a Declaración da Renda nas oficinas municipais

AMariñaXa
O Concello renova o convenio coa Axencia Tributaria e amplía o servizo a toda a veciñanza mediante videoasistencia
concello-trabada-casa-consistorial-2022
21 Apr 2025

O Concello de Trabada vén de renovar o seu compromiso coa veciñanza asinando un acordo de colaboración coa Axencia Tributaria que permitirá realizar a Declaración da Renda 2024 sen saír do municipio. Grazas a este convenio, os contribuíntes poderán confeccionar a súa declaración nas oficinas municipais, de maneira totalmente gratuíta e mediante un sistema de videoasistencia prestado por persoal especializado da Axencia.

Trátase dunha iniciativa que xa foi posta en marcha o pasado ano con grande éxito, aínda que daquela estaba dirixida unicamente a persoas maiores de 65 anos. Nesta nova campaña, o Concello decidiu ampliar o servizo a toda a poboación empadroada, co obxectivo de facilitar o acceso a este trámite e evitar desprazamentos innecesarios a outras localidades.

A atención será prestada entre o 6 de maio e o 30 de xuño, dentro da campaña oficial da Renda. A veciñanza interesada deberá solicitar cita previa a partir do 29 de abril, ben a través dos teléfonos 91 553 00 71 ou 901 22 33 44 (de luns a venres, de 9:00 a 19:00 horas), ou ben na sede electrónica da Axencia Tributaria.

Dende o Concello destacan que este servizo busca facilitar a vida da cidadanía e afondar na modernización dos servizos públicos municipais, achegando solucións cómodas e eficaces sen custo para o usuario.

⚙ Configurar cookies
0.13142490386963