Trabada mellora o equipamento municipal coa incorporación dunha nova desbrozadora trituradora

O Concello de Trabada incorporou aos seus servizos unha nova desbrozadora trituradora semilateral para tractor, unha adquisición destinada a mellorar os traballos de conservación e mantemento que se desenvolven no municipio ao longo do ano.
O novo equipamento supuxo un investimento de 16.504,34 euros, financiado a través dunha axuda do Fondo de Compensación Ambiental. A maquinaria foi adquirida en Talleres Cancelos, unha empresa asentada no propio concello, polo que a compra contribúe tamén ao apoio do tecido económico local.
Esta incorporación permitirá ao Concello reforzar as tarefas de desbroce tanto nas estradas municipais asfaltadas como nos camiños de terra, facilitando unha maior eficiencia nos traballos e mellorando a prestación dos servizos públicos.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou a importancia de continuar coa renovación dos recursos municipais. “continuamos renovando e mellorando a maquinaria municipal para ofrecer uns servizos públicos cada vez máis eficaces e adaptados ás necesidades do municipio”.
O rexedor sinalou tamén o valor de apostar por provedores locais neste tipo de actuacións. “esta adquisición permitiranos seguir mellorando os traballos de conservación e mantemento das vías municipais, ao tempo que apostamos por adquirir equipamento en empresas do noso concello, contribuíndo tamén ao desenvolvemento da economía local”.
Desde o Concello indican que esta actuación se integra na liña de modernización dos medios municipais, coa finalidade de seguir mellorando a atención ás necesidades da veciñanza e garantir servizos de maior calidade.