Trabada inicia o programa de orientación ás familias cunha charla sobre hábitos de estudo

O Concello de Trabada pon en marcha as actividades do Programa Municipal de Orientación e Acompañamento a Familias para o curso 2026/2027 cunha primeira sesión centrada en mellorar os hábitos de estudo dos nenos e nenas. A charla, titulada "Sácaslle partido ao teu estudo", terá lugar este martes 20 de outubro, ás 16:30 horas, na Casa da Cultura.
A pedagoga Carolina García Chico, especialista de Educando en Familia, será a encargada de impartir esta sesión, na que se ofrecerán pautas e ferramentas prácticas para que as familias poidan acompañar os seus fillos e fillas na aprendizaxe e contribuír ao seu rendemento escolar.
O encontro abordará estratexias para aproveitar mellor o tempo dedicado ao estudo e favorecer a adquisición de hábitos que axuden aos menores a organizarse e avanzar no seu proceso educativo.
Catro encontros para acompañar as familias
O programa municipal inclúe catro actividades ao longo do curso, nas que se tratarán diferentes aspectos relacionados coa educación, a convivencia familiar e o desenvolvemento durante a infancia. O obxectivo é proporcionar ás familias recursos útiles para afrontar situacións cotiás, resolver dúbidas e reforzar o acompañamento educativo na casa.
Despois da sesión inicial, a programación continuará o 1 de decembro cun Espazo de Orientación a Familias dedicado á educación en positivo.
Xa en 2027, o 30 de marzo celebrarase a charla "Educamos a atención", centrada en ofrecer ferramentas para estimular a atención no fogar. O calendario pecharase o 31 de maio cun novo Espazo de Orientación a Familias baixo o título "Nenos e nenas con moito carácter".
Todas as actividades terán lugar ás 16:30 horas na Casa da Cultura de Trabada. O Concello promove e financia o programa, que será desenvolvido pola entidade Educando en Familia.