Trabada inicia en novembro unha nova edición dos seus ciclos teatrais con oito representacións

A programación teatral de Trabada arrinca este sábado 7 de novembro cunha proposta do Colectivo Cultural Ollomao, que representará "Dona Clara" na Casa da Cultura. Será a primeira das oito funcións previstas nun ciclo que se prolongará ata xuño de 2027 e que ofrecerá unha cita mensual coas artes escénicas.
O Concello de Trabada organiza esta iniciativa coa colaboración da Deputación de Lugo e da Área de Cultura da Vicepresidencia da institución provincial. Como novidade nesta edición, todas as representacións comezarán ás 20.00 horas, en lugar das 21.00 horas habituais ata agora, co propósito de facilitar a asistencia do público, especialmente durante os meses de inverno.
Tras a estrea deste sábado, o calendario continuará o 5 de decembro coa obra "Infidelidades", a cargo de Ardora. Xa en xaneiro, o día 2, será a quenda de Pico do Castro, que levará ao escenario "Trato a cegas".
O programa seguirá o 6 de febreiro con "La madre que la parió", de 57 Palabras, e o 6 de marzo con "Roubo con destino ó Caribe", unha representación do grupo A Adala. En abril, concretamente o día 3, a compañía San Tirso del Eo presentará "Dinero negro".
As dúas últimas citas terán lugar na recta final do ciclo. O 8 de maio, Lume Escénico representará "Inouisítame outra vez", mentres que Aturuxeiros de Bravos será o encargado de pechar a programación o 5 de xuño con "Vaia co pronóstico".
Todas as funcións desenvolveranse na Casa da Cultura de Trabada e terán lugar ás 20.00 horas. A iniciativa permitirá manter unha oferta teatral estable durante oito meses, coa participación de distintos grupos e propostas escénicas.