Trabada dota á Ría de Abres dun espazo clave para a vida veciñal

AMariñaXa
A parroquia contará por primeira vez cun local propio para actividades sociais e culturais, tras un investimento superior aos 196.000 euros
Novo-centro-social-Ria-de-Abres-Trabada
15 Jan 2026

O Concello de Trabada abrirá oficialmente este domingo, día 25, a partir das 12:15 horas, o novo centro social da parroquia da Ría de Abres. O acto está concibido como unha xornada aberta á participación de toda a cidadanía, cun convite especial á veciñanza da parroquia, principal destinataria deste novo equipamento.

A inauguración contará coa presenza da presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, así como de membros da corporación municipal. Tras o acto protocolario de apertura, o Concello ofrecerá un pequeno picoteo ás persoas asistentes, nun ambiente pensado para celebrar colectivamente un fito moi agardado pola parroquia.

Este novo centro social representa un paso decisivo para a Ría de Abres, que ata o de agora era a única das oito parroquias de Trabada que non dispuña dun espazo propio no que desenvolver reunións, actividades culturais ou iniciativas veciñais. O edificio nace coa vocación de converterse nun punto de encontro estable que impulse a convivencia e a participación social.

O alcalde de Trabada, Rubén García, puxo en valor o significado desta inauguración ao sinalar que “damos resposta a unha demanda histórica da veciñanza da Ría de Abres, dotándoa dun espazo digno, funcional e pensado para fortalecer a vida social da parroquia”. O rexedor destacou tamén que esta actuación se insire nunha estratexia máis ampla para garantir que todas as parroquias conten con infraestruturas básicas que melloren a calidade de vida da poboación.

A construción do centro social foi posible grazas a un convenio de colaboración entre o Concello de Trabada e a Deputación de Lugo, que achegou 190.000 euros para facer realidade o proxecto. O investimento total superou lixeiramente os 196.000 euros, asumindo o Concello a parte restante do custo.

Desde o goberno municipal subliñan que esta obra forma parte da aposta por reforzar as infraestruturas locais e crear espazos que favorezan a cohesión social e o desenvolvemento comunitario en todo o termo municipal. Por este motivo, o Concello anima a toda a veciñanza a participar na inauguración e a compartir unha xornada que supón un antes e un despois para a parroquia da Ría de Abres.

⚙ Configurar cookies
0.072715044021606