Trabada convértese en punto de encontro do hóckey liña galego nunha xornada con tres clubs participantes

O pavillón municipal de Trabada foi escenario esta fin de semana dunha intensa xornada de hóckey liña que reuniu tres clubs galegos nun adestramento conxunto cheo de dinamismo e espírito deportivo. Participaron o Club Hockey Isla Pancha de Ribadeo —no que militan varios xogadores e xogadoras de Trabada—, o CHL Meigas de Lugo e o Artabros HC da Coruña, nun encontro pensado para favorecer o intercambio técnico e reforzar os vínculos entre equipos.
Desde o Concello, amosaron a súa satisfacción por poder acoller este tipo de actividades nas instalacións municipais. “É un orgullo recibir eventos e adestramentos de disciplinas diversas, porque cremos firmemente no apoio ao deporte e no valor de manter vivos os espazos públicos”, sinalaron fontes municipais.
O éxito desta cita fixo que o Concello confirme que nas próximas semanas continuarán organizándose novas xornadas dedicadas ao deporte de base, co obxectivo de ofrecer oportunidades de práctica e encontro a clubs e deportistas da contorna.