Trabada conclúe as obras de mellora viaria en Vilarbetote cun investimento superior aos 50.000 euros

O Concello de Trabada vén de dar por rematadas as obras de acondicionamento das vías municipais no núcleo de Vilarbetote, unha intervención que supuxo un investimento de máis de 50.000 euros e que permitiu mellorar a accesibilidade e a seguridade nesta zona.
Esta actuación enmárcase nun convenio de colaboración coa Deputación de Lugo, a través do cal tamén se desenvolverán outras melloras en diferentes parroquias do municipio. Entre elas inclúese a posta a punto do parque infantil e dos accesos á antiga escola de Fórnea, así como intervencións no lugar de Louro, na parroquia de Sante.
O acordo contempla ademais traballos de acondicionamento en espazos de uso veciñal, como o pintado do teleclub de Vilaformán e a mellora das instalacións do teleclub da Vilapena, reforzando así a rede de infraestruturas sociais do concello.
O alcalde, Rubén García Freije, destacou que o goberno local continúa impulsando actuacións co obxectivo de atender ás necesidades do conxunto do territorio. “Seguimos traballando para mellorar as infraestruturas en todo o concello, chegando ás oito parroquias e atendendo ás demandas da veciñanza”, sinalou.
Así mesmo, avanzou que nas próximas semanas se darán a coñecer novas intervencións, tanto en Vilarbetote como noutras zonas do municipio, co fin de continuar coa liña de actuación centrada na mellora dos servizos e dos espazos públicos.