Trabada completa a renovación do parque infantil de Fórnea cun investimento superior aos 50.000 euros

AMariñaXa
A actuación, financiada grazas a un convenio coa Deputación de Lugo, mellora a seguridade e a calidade dun espazo clave para a infancia
TRABADA-Obras-rematadas-parque-infantil-Fornea-
7 Jan 2026

O Concello de Trabada vén de poñer fin ás obras de renovación integral do parque infantil da parroquia de Fórnea, unha intervención que contou cun investimento de máis de 50.000 euros e que foi posible grazas a un convenio de colaboración coa Deputación de Lugo. A actuación permitiu modernizar por completo este espazo de lecer, destinado principalmente á infancia e á convivencia veciñal.

Os traballos realizados incluíron a instalación de novos xogos e elementos adaptados ás necesidades actuais, apostando por materiais máis seguros, accesibles e acordes cos estándares actuais de calidade. Con esta renovación, o parque convértese nun entorno máis atractivo e funcional para os nenos e nenas da parroquia, así como para as súas familias.

O alcalde de Trabada, Rubén García, sinalou que esta intervención forma parte dunha estratexia máis ampla impulsada polo goberno local para mellorar os parques infantís do municipio. “Nos últimos anos vimos traballando de maneira continuada para renovar estes espazos, co obxectivo de ofrecer áreas de xogo de calidade tanto para a rapazada como para as súas familias”, indicou.

Neste senso, o rexedor lembrou que xa se executaron actuacións semellantes nos parques infantís de Trabada, da rúa San Roque, de Sante e agora tamén en Fórnea, “o que reflicte o compromiso do Concello por chegar a todas as parroquias sen excepción”.

Desde o Concello subliñan que estas melloras se enmarcan no obxectivo de reforzar as infraestruturas municipais e os servizos públicos, cunha atención especial á infancia, contribuíndo así a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a favorecer a fixación de poboación no medio rural.

Unha vez rematadas as obras, o alcalde Rubén García e a concelleira do equipo de goberno Pilar Fernández visitaron o parque infantil de Fórnea para comprobar o resultado final da actuación, que xa se atopa aberto e a disposición da veciñanza da parroquia.

⚙ Configurar cookies
0.075697183609009