Trabada clausura os cursos de alfabetización tecnolóxica do programa “E para dixitalizarse Lugo”

AMariñaXa
O Concello destaca a utilidade práctica dunha formación centrada no uso das ferramentas dixitais e dos servizos electrónicos máis empregados pola veciñanza
Trabada-entrega-diplomas-para-dixitalizarse-Lugo-2026
14 May 2026

O Concello de Trabada acolleu este mércores o acto de entrega de diplomas aos participantes nos cursos incluídos no programa “E para dixitalizarse Lugo”, unha iniciativa promovida coa colaboración da Deputación de Lugo e orientada a mellorar as competencias dixitais da cidadanía.

O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, foi o encargado de facer entrega dos certificados ás veciñas e veciños que participaron nesta actividade formativa, desenvolvida durante as últimas semanas en grupos reducidos co obxectivo de ofrecer unha atención máis próxima e personalizada.

Ao longo das sesións, os asistentes puideron adquirir coñecementos básicos relacionados co manexo das novas tecnoloxías e co uso de diferentes ferramentas dixitais presentes na vida cotiá. Entre os contidos abordados figuraron cuestións como o funcionamento de aplicacións móbiles, o acceso ás plataformas da administración electrónica ou a utilización de servizos telemáticos do Sergas, Facenda e outras entidades públicas.

Desde o Concello subliñan que esta formación buscou facilitar que a veciñanza gañe autonomía no emprego das tecnoloxías, especialmente nun contexto no que cada vez máis trámites e xestións se realizan de maneira dixital.

Durante o acto, o rexedor puxo en valor a resposta obtida por parte da cidadanía e destacou a importancia de continuar promovendo iniciativas deste tipo. Segundo sinalou, trátase de actividades “moi útiles para o día a día da veciñanza”, ao considerar que o coñecemento das ferramentas dixitais resulta xa imprescindible para acceder a numerosos servizos e realizar xestións habituais.

O programa tamén permitiu crear un espazo de aprendizaxe compartida no que os participantes puideron resolver dúbidas de maneira práctica e adaptada ás súas necesidades, favorecendo así unha maior confianza no uso das novas tecnoloxías.

Desde o Concello de Trabada agradeceron ademais a implicación de todas as persoas que tomaron parte nesta proposta formativa e felicitaron aos participantes por completar con éxito os cursos.

0.14234685897827