Trabada celebrará San Fernando cunha xornada de tradición, música e gastronomía

AMariñaXa
A programación incluirá exposición de gando, degustación gratuíta de empanada de poldro, música en directo e unha comida campestre
TRABADA-cartel-San-Fernando-presentacion
8 May 2026

A parroquia de Valboa, no concello de Trabada, acollerá o vindeiro 30 de maio unha nova edición da festa de San Fernando, unha cita que combinará tradición, gastronomía e ambiente festivo arredor do mundo cabalar.

A xornada arrancará ás 9:30 horas cunha saída a cabalo desde o pavillón municipal ata a capela de San Fernando, unha actividade aberta a todas as persoas que desexen participar. Xa ao mediodía, ás 12:00 horas, celebrarase a misa e posterior procesión, que contará co acompañamento musical de gaitas.

A programación continuará coa sesión vermú, prevista para as 13:15 horas e amenizada polo grupo The Sound Project. Media hora máis tarde terá lugar a tradicional comida campestre, na que o menú estará composto por croquetas, queixo, xamón cocido, paella mixta, bebida e café.

O prezo do xantar será de 28 euros para persoas adultas e de 15 euros para menores de 12 anos. A organización lembra que os tickets poderán adquirirse ata o luns 25 de maio en diferentes establecementos e puntos habilitados do municipio.

A celebración contará ademais cunha exposición de gando cabalar, degustación gratuíta de empanada de poldro e un mercado de produtos de proximidade, reforzando así o vínculo da festa coa tradición rural e coa promoción dos produtos locais.

Tras a comida desenvolveranse distintas actuacións musicais a cargo de The Sound Project e Montreal, que porán o peche festivo á xornada.

O evento está organizado por Cabaleiros de Trabada e o Concello de Trabada, coa colaboración da Deputación de Lugo.

PROGRAMA

0.098793983459473