Trabada celebrará o 17 de maio o Encontro dos Maiores como xornada de convivencia e recoñecemento

AMariñaXa
O Concello reunirá á veciñanza maior de 65 anos nunha cita especial que busca agradecer a súa traxectoria e reforzar os vínculos sociais
Comida-dos-maiores-Trabada-17-de-maio
16 Apr 2026

O Concello de Trabada organizará o vindeiro domingo 17 de maio unha nova edición do Encontro dos Maiores, unha iniciativa dirixida á veciñanza maior de 65 anos e ás súas parellas coa que se pretende promover a convivencia e render homenaxe á súa contribución ao longo dos anos.

A cita reunirá persoas procedentes de todas as parroquias do municipio nunha xornada pensada para compartir experiencias, fortalecer relacións e desfrutar dun día de encontro nun ambiente festivo e participativo.

Segundo avanzan desde o Concello, nos próximos días as persoas destinatarias recibirán unha carta coa información detallada do evento. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 8 de maio, podendo formalizarse tanto nas oficinas municipais como a través do teléfono habilitado para tal fin.

O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, destacou o carácter especial desta convocatoria, subliñando que se trata dunha oportunidade para recoñecer o papel das persoas maiores na historia recente do municipio. “É unha das citas máis importantes do ano, na que podemos reunir aos nosos maiores e agradecerlles o seu traballo e dedicación ao longo da súa vida”, sinalou.

A organización do encontro correrá integramente a cargo do Concello, que asumirá todos os gastos asociados á xornada, reforzando así o seu compromiso co benestar e a participación activa da poboación maior.

0.11827492713928