Trabada aproba os maiores orzamentos da súa historia, cun forte impulso aos servizos sociais e ás parroquias

AMariñaXa
O pleno municipal dá luz verde a unhas contas de 2,05 millóns de euros, marcadas pola aposta polo benestar, o apoio asociativo e os investimentos en infraestruturas
TRABADA-Equipo-de-goberno-2025
27 Nov 2025

O Concello de Trabada vén de aprobar en pleno os maiores orzamentos municipais da súa historia, que ascenden a 2.051.341,61 euros. Trátase dunhas contas definidas polo goberno local como “ambiciosas, realistas e centradas nas persoas”, cunha distribución económica que prioriza os servizos sociais, o apoio ao tecido asociativo e a mellora das parroquias.

Segundo explicou o equipo de goberno, o 30 % do total do orzamento, é dicir, 604.499,08 euros, destínase aos servizos sociais municipais e ao Centro de Maiores, unha partida que consideran esencial para garantir unha atención digna e reforzada ás persoas maioristas e á veciñanza que precisa apoio asistencial.

Outra das liñas destacadas é o impulso ao asociacionismo local, cunha asignación de 26.800 euros dirixida a asociacións culturais, clubs deportivos e comisións de festas, entidades consideradas fundamentais para manter viva a actividade social e cultural en todo o municipio.

En canto aos investimentos, as contas recollen un total de 467.759,42 euros para mellora de infraestruturas e servizos públicos, con actuacións destinadas ás parroquias e a diferentes puntos do termo municipal. O goberno local subliña que estes fondos permitirán avanzar na renovación de vías, espazos comúns e servizos básicos.

Desde o executivo municipal destacan ademais que o Concello continuará traballando para captar subvencións doutras administracións, un obxectivo que consideran clave para seguir impulsando proxectos e incrementando a capacidade de investimento sen cargar todo o peso sobre os recursos propios.

O goberno local insiste en que estes orzamentos representan “un paso decisivo para seguir mellorando a calidade de vida da veciñanza e avanzar nun modelo de municipio máis cohesionador, dinámico e atendido”.

⚙ Configurar cookies
0.072412014007568