Trabada amplía a súa oferta de verán cun campamento xuvenil para alumnado de secundaria

AMariñaXa
O Concello abre o prazo de inscrición para os campamentos de verán, que se celebrarán entre xuño e setembro cun claro enfoque na conciliación familiar
trabada-nadal
5 May 2025

O Concello de Trabada abre este luns, 5 de maio, o prazo de inscrición para os seus campamentos de verán 2025, unha iniciativa xa consolidada como ferramenta de apoio á conciliación familiar. A principal novidade deste ano é a posta en marcha dun campamento xuvenil específico para mozos e mozas de secundaria, ampliando así a cobertura a novos tramos de idade.

O campamento infantil, dirixido a menores nados entre 2013 e 2021, desenvolverase do 23 de xuño ao 5 de setembro en horario de 10:00 a 14:00 horas. O novo campamento xuvenil, orientado a rapaces e rapazas nados entre 2008 e 2012, terá lugar do 1 de xullo ao 31 de agosto nas mesmas franxas horarias.

O alcalde, Rubén García, salientou que “seguimos apostando por programas que faciliten a vida das familias. Este ano ampliamos a nosa oferta para que a mocidade tamén poida desfrutar dun verán activo e participativo”.

As prazas están abertas ata o 6 de xuño e priorizaranse os participantes empadroados no municipio. Ademais, nas vindeiras semanas, o Concello abrirá tamén a inscrición para os programas de conciliación durante o curso escolar: Madrugadores, Ludiseráns e o novo Miudiños, destinado a menores de 0 a 3 anos.

⚙ Configurar cookies
0.15523195266724