Trabada abrirá a comezos de xuño unha nova campaña de recollida de plásticos agrícolas

O Concello de Trabada volverá activar nos primeiros días de xuño o servizo de recollida de plásticos agrícolas destinado ás explotacións gandeiras e agrarias do municipio, unha iniciativa que o goberno local impulsa dúas veces ao ano para facilitar a correcta xestión deste tipo de residuos.
A campaña desenvolverase entre os días 1 e 5 de xuño cun camión que realizará percorridos polas explotacións que soliciten previamente participar no operativo. O obxectivo é ofrecer unha alternativa cómoda e organizada para a retirada dos materiais empregados habitualmente nas tarefas agrícolas e gandeiras.
As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición antes do 1 de xuño, xa sexa por vía telefónica a través do número do Concello ou acudindo directamente ás dependencias municipais.
Desde o Concello explican que, para garantir o correcto funcionamento do servizo, os plásticos deberán colocarse en puntos accesibles para o vehículo de recollida, evitando zonas próximas ao tendido eléctrico ou árbores que poidan dificultar as manobras de carga. Ademais, os residuos deberán estar pregados, atados e libres de arames, terra ou area.
O alcalde de Trabada, Rubén García, sinalou que o executivo municipal continúa impulsando medidas de apoio ao sector primario, facilitando tanto a retirada destes residuos como o seu tratamento posterior mediante sistemas específicos de reciclaxe e xestión ambiental.
O rexedor destacou tamén que esta campaña pretende ofrecer unha solución práctica ás explotacións do municipio ao tempo que contribúe a reducir o impacto ambiental derivado do abandono ou almacenamento inadecuado dos plásticos agrícolas.