Tomé Roca cualifica os orzamentos para a provincia de "decepcionantes"
“Xestionan por inercia e, polo tanto, dá igual que teñan 11.000 que 12.000M€ de Orzamento. Non se nota”, subliñou o Secretario Xeral dos socialistas na provincia, asegurando que os presupostos autonómicos ratifican que “hai unha diferencia abismal entre o compromiso con Lugo dos gobernos socialistas e a falta de proxecto do Partido Popular”.
O Secretario Xeral do Partido Socialista na provincia de Lugo, José Tomé Roca, asegurou este luns que os Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano 2023 son os presupostos “da monotonía, da mentira e do engano”. Demostran, subliñou, que o PP está instalado na rutina. Non ofrece nada novo, nin a Galicia, nin á provincia. Xestionan por inercia e, polo tanto, dá igual que teñan 11.000 que 12.000M€ de Orzamento. Non se nota”.
Desta forma, subliñou José Tomé, as contas autonómicas ratifican “a diferencia abismal entre o Partido Socialista e o Partido Popular, na maneira de gobernar e no compromiso con Galicia e coa provincia”, pois, explicou, “cando gobernamos os socialistas, Galicia e a provincia avanzan, porque temos un proxecto de país claro e porque cumprimos co que nos comprometemos”, mentres que co PP “ocorre todo o contrario”. “O Partido Popular ten a provincia ó ralentí, practicamente paralizada, e sen nada novo no horizonte”, incidiu o líder dos socialistas lucenses, quen se pregunta “onde van” os 1.100M€ que aumentan os presupostos da Xunta, grazas á aportación do Estado, apuntou.
Tomé Roca fixo estas declaracións durante a rolda de prensa que ofreceu esta tarde na sede do partido en Lugo para trasladar a análise dos socialistas sobre os Orzamentos da Xunta para o ano 2023, xunto á Secretaria de Organización do Partido Socialista na provincia, Pilar García Porto; o voceiro socialista no Parlamento de Galicia, Luis Alvarez; e a deputada autonómica Patricia Otero.
Infraestruturas paralizadas
O Secretario Xeral do PSdeG na provincia puxo as infraestruturas como exemplo da “rutina” coa que xestionan os populares na Xunta. “Seguen empantanadas obras estratéxicas para a competitividade e o desenvolvemento da provincia”, como a Vía de Alta Capacidade Costa Norte e o Plan Paradai de Lugo, que reciben as mesmas partidas que nunca se executan, ou o acceso ó Porto Seco de Monforte, para a que mesmo a Xunta baixa a consignación de 750.000€ a 500.000€.
Citou as cifras previstas para o desdobramento do corredor Lugo-Sarria como mostra da pouca fiabilidade dos orzamentos autonómicos: “Contemplan 2M€, cando os orzamentos deste ano 2022 prevían que a Xunta ía destinar 9,9M€ no ano 2023. Unha proba de como xoga a Xunta coas cifras e de que as súas previsións non son nunca garantía de nada”.
Tamén criticou o prazo de tres anos que a Xunta prevé tardar en reparar o tramo da LU-651 afundido no Courel, que cualificou con ironía como exemplo de xestión “áxil e eficaz”, ó tempo que reclamou a recuperación das partidas para acondicionar o tramo entre Folgoso e Seoane que ten desaparecido dos orzamentos de 2023 e si figuraba en anos anteriores.
Coa partida da Ronda Leste, “a Xunta e o PP insultan a Lugo”
O Secretario Xeral do PSdeG na provincia aseverou que coa partida da Ronda Leste, “a Xunta e o PP insultan á cidade de Lugo”. O presuposto consignado “é ficticio porque saben que non se pode executar”. “No mellor dos casos, as obras non poden empezar ata dentro de dous anos, a finais de 2024. Polo tanto, no vindeiro ano 2023 non farán nin un só metro de obra, e reto á Xunta e ó PP a que demostren o contrario”.
Neste sentido, lembrou que o día 14 deste mes de outubro, na Comisión Segunda do Parlamento de Galicia, a de Infraestruturas, o Director da Axencia Galega de Infraestruturas, “asegurou que na primavera de 2023 esperan aprobar o proxecto de expropiacións. E dicir, non teñen os terreos”. “Teñen que sacar o vindeiro ano a información pública para alegacións o proxecto de trazado en relación co impacto ambiental. Teñen sen facer o proxecto de construción porque non o poden facer ata que se resolvan as posibles alegacións á Declaración de Impacto Ambiental”. Polo tanto, asegurou o líder dos socialistas lucenses, “no Orzamento poñen 6M€, como puideron poñer 60, porque saben que non van gastar nin un euro”.
Ademais, recordou que a Conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, asegurou o 13 de novembro de 2019 que empezaría en 2020 a Ronda Leste, que estaba prevista inicialmente para o 2015.
“O grave é que están enganando conscientemente porque saben que non se vai executar o diñeiro. Póñeno igual para impulsar á candidata que vén do norte despois de votar en contra da Ronda Leste na Deputación”, subliñou o Secretario Xeral do PSdeG na provincia, quen incidiu en que resulta “moi curioso” que, despois de 14 anos “sen facer absolutamente nada” por esta infraestrutura e incluso “borrar as partidas” durante varios anos, agora se anuncien 6M€, “cando parece que a primeira tenente de alcalde de Mondoñedo quere vir para Lugo”, en alusión á candidata dos populares ás municipais, “para aparentar que a Xunta fai algo”.
“Non é crible. Unha vez máis, o Partido Popular pon as institucións ó servizo dos seus intereses electorais, xogando cos veciños”, asegurou, lembrando neste sentido que “cando era Deputada provincial, en novembro do ano 2011, a señora Candia votou en contra de que a Xunta dotase de orzamento suficiente para construír a segunda fase da Ronda Leste”.
José Tomé recalcou que “nin a xestión, nin os Orzamentos da Xunta resisten a comparación, en termos absolutos ou a nivel de compromiso, cos Presupostos do Estado ou coa xestión que desenvolvemos os socialistas nas institucións nas que gobernamos”, poñendo como exemplo a Intermodal de Lugo, á que o Estado destina 15M€ no ano 2023, mentres que o Goberno autonómico dedica 186.300€ á estación de buses. “Unha vergonza e unha provocación”, recalcou.
Un investimento social “decepcionante”
En canto ao investimento social, os Orzamentos da Xunta “resultan especialmente decepcionantes, sobre todo en sanidade”, asegurou o Secretario Xeral do PSdeG na provincia.
“Hai un colapso evidente, que xa non nega ninguén. O 80% dos concellos da nosa provincia sofren graves carencias de persoal en Atención Primaria e Pediatría, vémolo todos os días, e a Xunta non aporta solucións. É máis, dedícase ó trilerismo político, anunciando un día un reforzo para Atención Primaria de 33,4M€, para dicir ó día seguinte que son 137M€”. “Os socialistas esixímoslle á Xunta rigor, respecto ós cidadáns e que rectifique. Que non lle baixe o imposto ós ricos e que dedique eses 33,4M€ a reforzar a Atención Primaria”, afirmou José Tomé. “Non se pode baixar os impostos ós ricos e despois pedir ó Estado o diñeiro que a Xunta regalou ós que máis teñen”, afirmou.
O líder dos socialistas na provincia fixo fincapé en que a Xunta non aporta “nada novo” en educación. “Máis alá dos investimentos en centros educativos da capital, que dende logo son necesarios, non hai ningunha actuación en colexios ou institutos do resto da provincia”, o que supón, dixo, “un novo desprezo ó rural”.
Polo que respecta á atención ós maiores, lembrou que o orzamento da Consellería de Política Social pasou de 7,6M€ en 2020 ós 9,3M€ previstos no ano 2023. É dicir, rexistran un incremento do 22%, polo que José Tomé preguntouse “onde mete a consellería eses cartos”. “Como é posible que con esas cifras, en 14 anos de goberno continuado, o PP non teña aberto practicamente ningunha residencia pública neste país, mentres que na Deputación de Lugo teremos abertas 6 novas residencias neste mandato cun orzamento para políticas sociais de 30M€, un 0,3% do presuposto da Xunta nesta materia”. “Está claro”, destacou, que o PP “non cre nos servizos públicos, nin na sanidade, nin na educación, nin na asistencia ós nosos maiores”. “Non cre nos servizos públicos porque quere facer negocio coa sanidade, a educación e os servizos sociais, privatizándoos”, engadiu.
Nin apoio ó sector primario, nin plan industrial
En relación co lema do PP para a presentación dos orzamentos – O impulso que Galicia precisa –, os socialistas consideran que non pode ser máis desafortunado, “porque estes presupostos non representan ningún impulso, nin para Galicia, nin para a provincia”.
“Non hai investimentos para o sector primario, n¡n en gandería, agricultura, actividade forestal ou pesca, nin hai o plan industrial que levamos tanto tempo reivindicando os socialistas para A Mariña e para o conxunto da nosa provincia”. “O que hai é unha absoluta falta de compromiso para atender as necesidades da provincia e para aproveitar as capacidades e a riqueza que temos”, asegurou José Tomé.
Criticou dun xeito especial que, “logo dun ano no que sufrimos unha vaga de incendios de excepcional gravidade, froito das políticas deficientes de prevención desenvolvidas pola Xunta, os orzamentos dediquen 105.000€ para a recuperación do territorio afectado polo lume. Son menos de 10€ por ha., tendo en conta que só no Courel arderon máis de 11.000 hectáreas.”
Peores servizos con máis gasto
Fronte ó triunfalismo da Xunta, que fala de novo duns orzamentos récord, os socialistas consideran que “o único récord do que realmente pode presumir o PP é de que cada ano precisa gastar máis para ofrecerlle ós lucenses e ós galegos peores servizos públicos. Executan mal e gastan peor”.
Por todos estes motivos, entre outros, o PSdeG presentará unha emenda á totalidade dos Orzamentos da Xunta para o ano 2023, como xa anunciou esta mañá o voceiro socialista no Parlamento de Galicia, Luis Álvarez.