Tomé esixe á Xunta o anticipo das axudas da PAC

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Acusa ao Goberno galego de "incompetencia na xestión", que provocará que 45 millóns de euros "non cheguen a tempo aos gandeiros galegos"
tome-otero-mendez-psoe-lugo
9 Nov 2024

O secretario provincial do PSdeG de Lugo e presidente da Deputación, José Tomé, advertiu que a “incompetencia na xestión” das axudas da PAC por parte da Xunta vai provocar que 45 millóns de euros en axudas non cheguen a tempo aos gandeiros galegos. Tomé ofreceu unha rolda de prensa xunto coa parlamentaria no Congreso por Lugo, Patricia Iglesias, e a portavoz de Gandaría do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Lara Méndez.

O responsable socialista esixiulle ao goberno galego que faga chegar aos gandeiros galegos estes fondos que foron transferidos polo goberno central, e lembrou que a Xunta pode facer efectivo o adianto de ata o 70 por cento dos pagos. Porén, advirte que a Xunta “só vai poder adiantar en torno ao 26 por cento” destas axudas, a metade da media do Estado “por non ter feito os deberes”, porque “é imprescindible ter feitos os controis administrativos e de campo antes de pagar”.

Advirte que o atraso das axudas, fundamentais para preto de 24.500 gandeiros galegos, deriva de que “a Xunta non planifica nin habilita os medios técnicos e humanos necesarios” como demostraron cando hai semanas “vimos que os traballadores da Consellería non podían continuar coa xestión das axudas do segundo piar da PAC porque os programas da Xunta non funcionaban axeitadamente”.

A parlamentaria socialista Patricia Otero sinalou que o goberno galego constitúe a día de hoxe o principal problema dos gandeiros galegos pola súa xestión “ineficiente e discrecional” coa que están a bloquear un torrente de liquidez fundamental para garantir a viabilidade das explotacións galegas. Explicou que a Comunidade Autónoma é a que ten que xestionar estas axudas transferidas dende o Ministerio de Agricultura procedentes da PAC en apoio aos gandeiros galegos.

Pola súa banda, a portavoz de Gandaría do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Lara Méndez, anunciou unha ofensiva institucional para esixirlle ao goberno galego dende a Cámara autonómica que desbloquee estas axudas e que o conselleiro do Medio Rural dea conta en primeira persoa do fiasco da súa xestión.

Fondos fundamentais

As e o responsable socialistas explicaron que os fondos resultan fundamentais para preparar a nova temporada agrícola con máis recursos para cubrir o incremento dos custes operativos, resultan unha axuda fundamental para paliar o impacto dos conflitos en Ucraína e Oriente Próximo e o efecto das condicións climáticas adversas. Tamén inclúen compoñentes para prácticas sostibles e supoñen un apoio fundamental para o desenvolvemento do rural, garantindo a actividade local e freando o despoboamento.

Os responsables socialistas reclamáronlle ao goberno galego unha administración máis eficiente e equitativa, que desbloquee as axudas para o sector, que tiveron que agardar ata marzo deste ano para percibir as axudas de 2023. Criticaron a “falla de transparencia e de comunicación” do goberno galego na xestión das axudas, con información insuficiente e opacidade coa que obstaculizan o acceso ás axudas e provocan desconfianza no proceso administrativo.

Alertaron do incomprensible peche de convocatorias de novas axudas agroambientais e de agricultura ecolóxica no exercicio 2024, en contra dos obxectivos da UE que buscan reforzar a produción ecolóxica. Sinalan que os erros na clasificación e explotacións prioritarias, derivados da neglixencia do goberno galego, provocan a perda de axudas para zonas con limitacións naturais e afectan directamente ás explotacións que dependen destes fondos.

Tanto Otero como Tomé e Lara Méndez advertiron de que o goberno galego está a destinar fondos absolutamente insuficientes para a incorporación dos mozos e mozas agricultores, negándolle as axudas a 70 empresarios só no ano 2022, de novo no sentido contrario ao relevo xeracional no sector agrario galego. Paralelamente, as axudas do goberno galego priman ás grandes explotacións, deixando aos pequenos agricultores e gandeiros con recursos limitados.

Os socialistas galegos esíxenlle ao goberno galego un xiro de 180 graos na súa xestión para encetar unha verdadeira política de apoio ao sector gandeiro e frear o abandono das explotacións no medio rural que incrementan a despoboación e dinamitan a economía local.

0.16001605987549