Todo preparado para a décima edición da carreira popular 1/2 km Vertical Monte Comado de Barreiros

AMariñaXa
O evento deportivo está organizado pola Asociación Cultural e Deportiva Praias de Comado en colaboración co Concello de Barreiros
Presentación-Vertical-Trail-Monte-Comado-Barreiros-2023
20 Xul 2024

Este domingo, 21 de xullo, Barreiros acollerá a décima edición da carreira popular 1/2 km Vertical Monte Comado, un evento deportivo consolidado que segue medrando ano a ano como así o demostran as máis de 150 persoas inscritas para esta edición.

O evento deportivo está organizado pola Asociación Cultural e Deportiva Praias de Comado en colaboración co Concello de Barreiros e a carreira forma parte do circuíto de carreiras populares MáisKmsBarreiros que organiza o Concello de Barreiros.

O concelleiro de dinamización, Dani García, sinala que “o feito de estar no marco do circuíto máiskmsbarreiros dálles ás probas que se celebran no municipio un carácter uniforme pero sempre respectando as peculiaridades da cada unha”.

As competicións darán comezo ás 11.00 horas co Trail infantil que terá lugar no cumio do monte Comado. Logo, ás 11:30 horas, dará comezo a carreira absoluta coa saída na praia de Arealonga e meta no alto do monte Comado. A distancia desta carreira é de 4 km, salvando un desnivel positivo de aproximadamente 500 metros.

O edil lembra que “a través da participación nas mesmas, os e as atletas participantes sumarán puntos segundo o posto acadado e poderán optar aos 1.000 euros en premios que se entregarán na gala final de premiación”.

García destacou que “este circuíto de carreiras populares non só fomenta a práctica deportiva e a vida saudable, senón que tamén crea un senso de comunidade entre as persoas participantes que compiten e se motivan mutuamente para mellorar en cada proba”.

0.12865900993347