Todo listo para a  XXVI edición do Mercado Medieval de Castrodouro

A contorna da Torre Fortaleza do Mariscal Pardo de Cela acollerá os días 17 e 18 de xullo un amplo programa con recreacións históricas, música, cetraría, xogos e espectáculos para todos os públicos
mercado-medieval-alfoz-foto-Fb
14 Jul 2026

A Torre Fortaleza do Mariscal Pardo de Cela e a súa contorna converteranse os días 17 e 18 de xullo no escenario da XXVI edición do Mercado Medieval de Castrodouro, unha cita que transformará Alfoz nun espazo dedicado á historia e á tradición medieval.

Durante dous días, veciñanza e visitantes poderán desfrutar dun programa que combina recreación histórica, actividades culturais, animación de rúa e a presenza de artesáns, todo nun ambiente inspirado na época medieval.

A programación comezará o venres 17 de xullo coa Noite da Véspera. Ás 22.00 horas terá lugar a benvida do Mariscal aos veciños e visitantes e a apertura das portas da Torre. Media hora despois celebrarase o acendido da Cerna da Historia, seguido, ás 22.45 horas, dunha exhibición de danzas medievais. Ás 23.00 horas disputaranse os duelos medievais oficiais e, ás 23.30 horas, a xornada pecharase coa actuación musical do grupo Xaramelo.

O sábado 18 de xullo estará dedicado ao mercado medieval. A actividade arrancará ás 10.45 horas co percorrido guiado A sombra das lendas e coa apertura dos postos do mercado. Ás 11.45 horas desenvolverase o desfile inaugural de personaxes medievais, mentres que ás 12.30 horas terá lugar o nomeamento do Mariscal Pardo de Cela e a bendición dos escudeiros.

A inauguración oficial da feira celebrarase ás 13.00 horas con animación musical. Media hora despois ofrecerase unha demostración de cetraría, antes do xantar tabernario previsto para as 14.00 horas. Ás 14.30 horas organizarase unha ruta gastronómica polos postos do mercado.

As actividades continuarán pola tarde coa animación dos mozos de Veymuga ás 16.00 horas, seguida de xogos tradicionais ás 16.30 horas. Ás 17.30 horas haberá unha nova exhibición de cetraría e voo de aves, e ás 18.30 horas disputarase un torneo medieval con probas de forza e destreza.

A programación concluirá cunha gran cea medieval ás 21.00 horas. Ás 23.30 horas representarase o espectáculo A ponte que deitou o tempo, que incluirá efectos de lume e unha queima, e á medianoite o grupo Upsala Medieval será o encargado de pechar esta XXVI edición do Mercado Medieval de Castrodouro cun concerto final.

0.12050414085388