Terceiro título da tempada e sétima Copa de Galicia para o Pescados Rubén Burela FS
No Pavillón Agustín Mouris de Noia disputouse a final da Copa Galicia, Ence Marín Fustal Vs Pescados Rubén Burela FS. Eran as favoritas e ségueno sendo, as mariñás fixéronse unha vez máis co título autonómico por sétima vez e conseguindo os 3 de 3 títulos polo momento disputados nesta tempada 2022-2023. Unha vitoria moi merecida despois dun partido onde as Raíñas Laranxas se mostraron superiores durante os 40 minutos, cun resultado final de 1-5 que puido ser máis avantaxado de non ser pola boísima actuación de Silvia, á que outorgaron moi merecidamente o MVP do partido.
Comeza o encontro con dous equipos precavidos, poucos goles e moitas oportunidades do equipo burelense. Dominio do balón por parte das xustas vencedoras que non atoparon o gol ata o minuto 8 a pesar da insistencia e soamente un tiro a porta do Marín ata o minuto 7. Ese primeiro gol será de Antía Pérez, cun potente disparo dende fóra da área. Tras unha clarísima oportunidade de Dany despois dunha boa combinación con Emilly no minuto 15 que detén Silvia e dous do Marín Fustal, chega o descanso co marcador 0-1.
Na segunda parte comeza apertando o Burela cun gol de Dany no minuto 22 despois dunha contra na que a crack brasileira parece ter 20 anos. No minuto 26 chega o gol do Marín por parte de Ale de Paz cun disparo desde fóra da área e pouco despois, no 31 o 1-3 cun gol de Peque tras un roubo de balón á porteira. É entón cando o técnico pontevedrés, Ramiro Díaz, decide apostar pola porteira-xogadora no minuto 34, con Lara Balseiro coa camiseta de porteira. Pero o Pescados Rubén mantense firme na defensa e chega o 1-4 cun gol de Emilly a porta baleira no minuto 35. Co encontro case sentenciado a gran protagonista da final da Copa da Raíña, Patricia, encaixa o 1-5 cun golazo tras unha boa combinación con Peque.
Un Julio Delgado moi contento co resultado, como é de esperar, opina que aínda que na primeira parte lles custou moito acertar a portería, tiveron moitas finalizacións e a superioridade do equipo e o dominio do balón durante todo o partido foi a clave para a contundente vitoria. Mostra a súa admiración por un Marín Fustal metido no partido durante os 40 minutos.