Teatro e memoria danse cita nas Cortes do Vicedo cunha tarde dedicada á vida nas aldeas

AMariñaXa
O colectivo teatral Son d'Aldea presentará varias escenas de 'Os Caseiros' e participará nun coloquio sobre o teatro e a vida no rural
Vicedo-Museo-identidade-Teatro-das-cortes-1
7 Oct 2026

O Teatro das Cortes, no lugar do Xestoso, en Cabanas, no municipio do Vicedo, acollerá o sábado 10 de outubro unha tarde dedicada ao teatro comunitario, á memoria e á vida nas aldeas. A actividade estará protagonizada polo colectivo teatral Son d'Aldea, que presentará o seu proxecto 'Teatro Memoria e Vida'.

A programación dará comezo ás 18.00 horas cunha representación que incluirá varias escenas do roteiro Son d'Aldea 2026, titulado "Os Caseiros". A proposta recupera o carácter comunitario do teatro e sitúa as historias e experiencias da contorna rural como protagonistas.

Tras a representación terá lugar un coloquio sobre teatro e aldea, no que participarán os protagonistas deste proxecto cultural. O encontro permitirá compartir reflexións arredor do papel do teatro como ferramenta para conservar a memoria e dar visibilidade ás vivencias e á identidade das comunidades rurais.

A entrada será de balde. A actividade está organizada pola A.C. Volta e Dalle e conta co apoio da Deputación de Lugo, a través da área de Cultura, e do Concello do Vicedo, ademais da colaboración de diferentes entidades e establecementos.

A cita pretende así combinar representación teatral e diálogo nunha xornada centrada na cultura comunitaria e na relación entre o teatro, a memoria e a vida nas aldeas.

⇒REPORTAXE

0.15173006057739