SOS Sanidade Pública convoca mobilizacións en toda Galicia contra o aumento das listas de agarda

GaliciaXa | AMariñaXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Reclama medidas urxentes para reforzar os recursos humanos e materiais da sanidade pública e reducir os tempos de espera
sos-sanidade-publica-ourense-arrolos-de-teta-manifestacion-saala-dee-partos-chuo
3 Jun 2026

SOS Sanidade Pública chamou á cidadanía a participar este mércores 4 de xuño nas mobilizacións convocadas diante dos hospitais públicos e centros de saúde de distintas áreas sanitarias galegas para denunciar o incremento das listas de agarda e o progresivo deterioro da sanidade pública.

A plataforma alerta de que as demoras para acceder a intervencións cirúrxicas medraron un 30 % respecto aos datos previos á pandemia e denuncia tamén que miles de pacientes permanecen fóra das estatísticas oficiais, o que, ao seu xuízo, impide coñecer a dimensión real do problema asistencial.

Segundo explica a organización, a situación das listas de agarda representa unha das principais consecuencias da falta de investimentos e planificación no sistema sanitario galego, afectando tanto á atención hospitalaria como á Atención Primaria. Por este motivo, reclama medidas urxentes para reforzar os recursos humanos e materiais da sanidade pública e reducir os tempos de espera.

As concentracións desenvolveranse en diferentes puntos do territorio galego. Na Coruña terá lugar ás 11.00 horas na rotonda do CHUAC; en Burela será ás 12.00 horas diante do Hospital da Mariña; en Santiago celebrarase ás 11.00 horas no Ambulatorio Concepción Arenal; en Ferrol ás 20.00 horas no Centro de Saúde Fontenla Maristany; e en Marín ás 20.30 horas no centro de saúde da localidade.

Tamén haberá mobilizacións en Moaña, ás 12.00 horas na Casa do Mar; no Carballiño, á mesma hora diante do centro de saúde; en Ourense ás 11.00 horas na porta do edificio Cristal do CHUO; en Pontevedra ás 12.00 horas no Hospital Provincial; en Ribeira diante do Hospital da Barbanza; en Vilagarcía de Arousa no Hospital do Salnés; e en Vigo ás 11.00 horas na entrada principal do Hospital Álvaro Cunqueiro.

Desde SOS Sanidade Pública fan un chamamento á participación para visibilizar o seu rexeitamento á situación actual do sistema sanitario galego e reclamar unha sanidade pública con máis recursos, menor demora asistencial e unha atención de maior calidade para a cidadanía.

0.11691403388977