Sindicatos convocan unha protesta para esixir melloras na inspección pesqueira

AMariñaXa
Trasladan que "moitas inspeccións se programan en horarios en que non hai actividade pesqueira"
pesca
22 Nov 2024

Os sindicatos CCOO, CSIF, UGT, CIG e ELA convocan este sábado, 23 de novembro, unha protesta para esixir mellores condicións na inspección pesqueira e a modificación ou retirada da instrución que regula os horarios desta actividade. A mobilización terá lugar das 10.30 horas ás 13.00 horas fronte á Confraría de Pescadores de Celeiro, cadrando coas XXVIII Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro.

As organizacións sindicais denuncian que as inspectoras e inspectores de pesca levan máis dun ano traballando segundo o disposto na nova instrución de horarios, imposta unilateralmente polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Ministerio de Política Territorial. "Quedou demostrado que é claramente inoperativa para alcanzar os obxectivos de inspeccións marcados tanto por institucións estatais como internacionais. A dita instrución atópase xudicializada nestes momentos", sinalan.

"Ademais de ineficaz e ineficiente, supón un desperdicio de diñeiro público", reprochan os sindicatos, xa que moitas inspeccións se programan en horarios en que non hai actividade pesqueira e, pola contra, non están presentes nos momentos con maior necesidade de control.

Isto tamén produce o "desaxuste" na presión realizada pola inspección, provocando "sobreinspección" das frotas que máis cumpren a normativa, mentres que as que presentan maiores riscos de incumprimento vense sometidas a menor control.

Desde o colectivo de inspectores e inspectoras de pesca tamén protestarán para o recoñecemento do seu labor profesional, así como para pedir melloras laborais e retributivas acordes ao seu traballo. Os sindicatos non descartan convocar unha folga para instar o Goberno de España a considerar as súas peticións.

0.16948795318604