SetembroXNatural, favorecerá o turismo en Ribadeo

AMariñaXa
Ribadeo presentou o proxecto SetembroXNatural que ten como obxectivo desestacionalizar o turismo e favorecelo en setembro
setembro x natural ribadeo
27 Aug 2021

Ribadeo presentou o proxecto SetembroXNatural que ten como obxectivo desestacionalizar o turismo e favorecer que a tempada alta se alongue ata finais do mes de setembro. Inclúe Xeorutas e visitas guiadas pola natureza para potenciar a Senda Azul e o Camiño Natural do Cantábrico así como o Camiño de Santiago.

Dende o Concello subliñan que “sabemos que quen nos visita está cada vez máis preocupado pola seguridade e pola sustentabilidade, demanda viaxes máis responsables, busca destinos que coiden o seu entorno, e en definitiva busca sumar varias experiencias enriquecedoras nun único enclave, escollendo un destino que concentre todas as actividades do seu interese e aforrar así tempo nos seus desprazamentos”.

"Por estes motivos, e con este obxectivo, propoñemos unha serie de actividades que xiran arredor do desfrute dos nosos espazos naturais. Estoume referindo, por exemplo, á Ría de Ribadeo, á nosa rasa costeira, ás nosas preciosas praias e ao Camiño de Santiago ao seu paso por Ribadeo, a través da man e da colaboración con distintas empresas e profesionais. Nesta liña, dentro deste proxecto SetembroXNatural, incluiremos xeorutas, máis de media ducia de rutas polos cantís de Ribadeo cunha visión xeolóxica coas que amosamos a importancia do noso litoral. Por outra banda, visitas guiadas pola natureza coas que pretendemos potenciar a Senda Azul e o Camiño Natural do Cantábrico, ámbolos dous con marca de recoñecemento estatal, ademais do Camiño de Santiago co gallo do Ano Santo Xacobeo”, engadiron.

0.1871178150177