Sendeirismo Terras de Lourenzá: “Houbo xente que probou con nós e agora non se perde unha ruta”

AMariñaXa
A asociación, que suma xa uns 86 socios, leva máis dunha década poñendo en valor esta actividade. "Ademais de facer sendeirismo, coñeces a cultura e hai sitios que adoitamos ir varias veces ao ano e sempre se coñece xente", explica Pura, a presidenta
senderismo_terras_de_lourenza
18 Aug 2024

Lucía Blanco

Dende hai xa once anos, un grupo de amantes do sendeirismo apostou pola súa paixón polas camiñatas, polo contacto coa natureza e por tecer amizades que se manteñen a día de hoxe e que naceron precisamente por compartir unha afección. A Ruta Fraga Vella, a Ruta Foces del Río del Infierno y de los Moñacos, a de Viñedos de Belesar ou Mina Carmina son os últimos traxectos que enfrontaron dende a Asociación de Sendeirismo Terras de Lourenzá, que suma xa uns 86 socios, tanto do propio concello como tamén doutros municipios como Mondoñedo ou Barreiros.

“Todos son moi agradecidos e estamos moi contentos con eles. Ademais, eu teño que dicir que a raíz do sendeirismo tamén coñecín moita xente coa que non tiña trato”, conta Pura, a presidenta. Máis aló de mellorar a saúde física e mental e de gozar dos paraxes naturais, quédase precisamente con todas as relacións que se crean tras animarse a camiñar.

—Como botou a andar o colectivo?

Xa son once anos, quen o pensaría. Naceu porque o Concello fixo unha reunión xa que había moitos afeccionados ao sendeirismo e os que estabamos alí eran os que faciamos moitas rutas porque, por exemplo, iamos aos Picos de Europa. Xuntámonos uns cantos veciños e fundámola moi rápido porque había moitos interesados.

—Todos os membros anímanse a facer as rutas?

Non todos van andar. Imos normalmente sempre unha media 20-30 persoas que está moi ben, porque hai sitios aos que non pode ir un bus grande e temos unhas limitacións.

—Vostedes confirman que o sendeirismo non entende de idades.

Na asociación hai unha media duns 50 anos. Pero o maior de todos ten 78 anos e anda como o que máis! É un home que estivo toda a vida traballando entón puido saír e coñecer distintos sitios tamén grazas a nós. E é moi agradecido, para el sempre todo está ben feito.

—Organizan unha ruta mensual como mínimo. Como se presenta o calendario para as vindeiras semanas?

Facemos as rutas de fin de semana e este ano temos 4 en concreto. Pero hai xente que non pode ir, entón tamén facemos unha a maiores dun día. Fomos xa a Mondoñedo e á Fraga Vella e este mes de agosto facemos a festa do socio e unha ruta por aquí con saída e chegada dende Lourenzá. En setembro imos a La Cueta, o pobo máis alto de León, e tamén temos programada para novembro unha visita á Reserva Muniellos, en Asturias.

—Traballan a un ano vista para pode ofrecer esta variedade de actividades. Como é a planificación?

Sempre nos xuntamos unha vez ao mes para facer as rutas. En decembro reunímonos para decidir as do ano seguinte e dividímolas para que cada un se encargue dunha. E antes imos velas. Tamén se comemos fóra hai que contratar o restaurante, por exemplo. Leva un montón de traballo.

—O sendeirismo engancha?

Totalmente. Houbo xente que empezou a probar con nós e encantoulle e agora non se perde unha ruta. Ademais de facer sendeirismo, coñeces a cultura, fas amigos e hai sitios que adoitamos ir varias veces ao ano e sempre se coñece xente. Ademais, estás estresado durante a semana e sirve para desconectar, eu polo menos veño súper relaxada e os demais igual. De feito, están esperando a ver cando hai unha ruta.

—Que cambia de facer unha ruta só ou con amigos a facela da man dunha asociación coma a súa?

Cando vas con amigos non tes tampouco tanta responsabilidade e ao levar xente estás pendente de que non lle pase nada a ninguén. Coñeces moita xente, vas a aldeas pequenas e ves cousas que pensas que non existen e seguen aí. De seguro hai sitios que eu persoalmente non iría se non fora coa asociación.

—Que balance fan ata o momento?

Moi positivo. Estamos moi satisfeitos, temos unha directiva moi boa porque traballamos todos. E tamén anima a seguir, porque ao principio pensamos que iamos durar uns anos e xa e non foi así. Ultimamente fixemos moitos socios, a xente engánchase e entre uns e outros seguen aumentando. E é importante porque as asociacións son esenciais, sen elas o pobo morre.

 

 

 

0.16807985305786