Saúde Mental A Mariña recibe a Medalla Emilia Pardo Bazán polo seu traballo coas mulleres vítimas de violencia machista

GaliciaXa | AMariñaXa
A entidade comparte o recoñecemento coa maxistrada María Josefa Ruiz e coas pioneiras do fútbol feminino de Crendes polo seu labor a prol da igualdade
medalla-emilio-pardo-bazan-Saude-Mental-Cervo-2026
6 Nov 2026

A Asociación Saúde Mental A Mariña recibiu a Medalla Emilia Pardo Bazán 2026 polo seu traballo na atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero, especialmente aquelas que tamén presentan problemas de saúde mental. A entidade foi unha das tres persoas e colectivos distinguidos este ano polo Goberno galego, nun acto celebrado na Illa da Toxa e presidido pola conselleira de Política Social e Igualdade, Ángeles Vázquez.

O recoñecemento pon en valor o labor desenvolvido pola asociación para ofrecer unha atención personalizada ás mulleres que sofren violencia machista e que necesitan un acompañamento adaptado ás súas circunstancias. Unha das iniciativas máis destacadas neste ámbito foi a creación da primeira casa de acollida para mulleres vítimas de violencia de xénero con enfermidade mental, un recurso especializado para atender as súas necesidades.

Desde Saúde Mental A Mariña, María José Novoa expresou a satisfacción da entidade por recibir unha distinción que consideran tamén unha responsabilidade e unha oportunidade para dar visibilidade ás mulleres que viviron situacións de violencia en silencio, con medo e sen atopar a axuda necesaria.

A asociación agradeceu o apoio institucional e o traballo das persoas que fixeron posible este percorrido, cunha mención especial ao presidente, Jorge Manchado Rivero, e ás coordinadoras da vivenda tutelada, Vanesa García e Ana Sofía Pires. O resto do equipo celebrará o recoñecemento o vindeiro 28 de novembro.

A conselleira Ángeles Vázquez destacou que a entidade demostrou a importancia de prestar unha atención específica ás vítimas de violencia de xénero desde a perspectiva da saúde mental. Ademais de Saúde Mental A Mariña, recibiron a medalla a maxistrada María Josefa Ruiz, primeira muller en presidir unha Audiencia Provincial en Galicia, e as pioneiras do fútbol feminino de Crendes.

Os galardóns homenaxean o legado de Emilia Pardo Bazán e recoñecen a traxectoria de persoas e colectivos que contribuíron a avanzar na igualdade entre mulleres e homes.

medalla-emilio-pardo-bazan-Saude-Mental-Cervo-2026-2
0.15816593170166