Saúde Mental A Mariña gañadora do premio ao mellor proxecto de diversificación

AMariñaXa
Entregáronse os Premios Economía Azul, uns galardóns que pretenden recoñecer o labor de catro proxectos sustentables
GALICIA RECOÑECE O ESFORZO DOS GRUPOS DE ACCIÓN LOCAL DO SECTOR PESQUEIRO
GALICIA RECOÑECE O ESFORZO DOS GRUPOS DE ACCIÓN LOCAL DO SECTOR PESQUEIRO
3 dic 2022

Entregáronse os Premios Economía Azul, uns galardóns que pretenden recoñecer o labor de catro proxectos sustentables dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) que contribúen a dinamizar a súa contorna. 

Os catro gañadores nesta edición -froito dos preto de 4.500 votos rexistrados- son unha pequena mostra da aposta constante destes grupos polo mundo do mar en todas as súas vertentes, desde as actividades vencelladas coa extracción e a valorización dos produtos do mar ata a difusión e protección dos sinais de identidade das localidades pesqueiras e costeiras da comunidade. 

A iniciativa premiada na categoría de Apoio á pesca costeira artesanal foi o proxecto Acondicionamento do espazo da lonxa de Portonovo para a mellora do uso turístico e comercial implantando novas tecnoloxías – LonxaTour, promovido pola confraría de pescadores de Portonovo ao abeiro do GALP Ría de Pontevedra. 

No ámbito da Creación de Emprego o gañador foi Produción de algas comestibles das Rías Baixas galegas, impulsado pola empresa H. Q. Seaweed a través do GALP Ría de Vigo-A Guarda. Mentres, na categoría de Diversificación resultou premiada a acción Creación da aula do mar A Mariña, posta en marcha pola Asociación de Saúde Mental da Mariña baixo o paraugas do GALP A Mariña-Ortegal. 

O cuarto premio, sobre Economía Circular, correspondeu ao proxecto Centro de transformación do lixo mariño, promovido pola Asociación de mulleres do sector pesqueiro Seo de Fisterra e Ría de Muros-Noia, ao abeiro do GALP Costa Sostible.

Premio especial

Esta edición dos Premios Economía Azul inclúe un recoñecemento especial ao proxecto Plancton, desenvolvido por Afundación (a obra social de Abanca) en 2021 e que permitiu retirar nese ano case 19 toneladas de residuos dos areais e fondos mariños de distintas zonas costeiras da comunidade. 

O obxectivo deste galardón é destacar unha acción realizada á marxe dos GALP e que ten unha importante relevancia para o conxunto do sector, especialmente no que ten que ver coa protección do medio ambiente. De feito, nesta acción -que está a ter continuidade en 2022- participaron preto de 800 persoas voluntarias tanto de Abanca e Afundación como doutros colectivos do sector pesqueiro e marisqueiro e outras entidades que participaron directamente nas xornadas organizadas para a limpeza de fondos e costas.

Durante o acto a conselleira do Mar salientou o traballo dos grupos de acción local do sector pesqueiro a prol da dinamización das zonas costeiras e da diversificación da súa actividade económica. Neste sentido, lembrou que os máis de 660 proxectos desenvolvidos entre 2016 e 2021 ao abeiro dos GALP contaron cun investimento total de máis de 80 millóns de euros e permitiron crear 470 empregos a tempo completo. Mentres, a actividade inducida acadou os 230 millóns de euros -o 0,36% do PIB de Galicia- e supuxo a xeración de máis de 5.000 postos de traballo entre directos e indirectos.

Rosa Quintana tamén incidiu en que os proxectos premiados xeraron importantes beneficios para o sector pesqueiro e para a súa área de influencia contribuíndo á creación de emprego, ao reforzo da identidade da cultura e do patrimonio local, introducindo elementos innovadores e creando oportunidades para as mulleres e a mocidade no sector marítimo-pesqueiro galego.