Sargadelos converterase nun gran reto de enxeño co primeiro concurso de quebracabezas de Cervo

O Concello de Cervo presentou unha nova proposta destinada a ampliar a oferta cultural e de lecer do municipio coa organización do I Concurso de Puzzles “Sargadelos peza a peza”, unha iniciativa promovida por HAI LARÁN, Escape Room & Espazo Creativo, proxecto emprendedor asentado no Centro de Emprendemento de Sargadelos.
A actividade celebrarase o vindeiro 6 de setembro de 2026 na Sala Cultural Xosé Vizoso, situada no Conxunto Histórico de Sargadelos, e reunirá aos afeccionados aos quebracabezas e aos retos colaborativos nunha cita que combinará diversión, habilidade e capacidade de coordinación.
O certame desenvolverase nunha única modalidade por parellas, permitindo a participación de dous adultos ou dun adulto acompañado por un menor. Os equipos competirán por completar o quebracabeza no menor tempo posible, optando a premios para os tres mellores rexistros e tamén a un galardón específico para a mellor marca local.
Durante a presentación, a alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou a importancia de impulsar actividades innovadoras que contribúan a dinamizar o patrimonio cultural de Sargadelos e a atraer novos públicos. Tamén puxo en valor o papel da Sala Xosé Vizoso como espazo de referencia para acoller iniciativas culturais e participativas.
As inscricións permanecerán abertas ata o 23 de agosto a través da páxina web de HAI LARÁN. Desde o Concello animan á veciñanza e ás persoas amantes dos desafíos de lóxica e observación a sumarse a esta proposta que busca fomentar o ocio creativo e a colaboración entre participantes.