Sargadelos celebra as festas de Santiago cun programa que une tradición, música e deporte

AMariñaXa
A parroquia acollerá do 24 ao 26 de xullo concertos, gastronomía popular, actos relixiosos e a celebración do Trail Sargadelos nunha nova edición organizada polo Concello de Cervo e Amigos da Troula
festa-romaria-sargadelos-fervenza
20 Jul 2026

A parroquia de Sargadelos prepárase para vivir unha intensa fin de semana festiva coa celebración das festas na honra a Santiago Apóstolo, unha cita que se desenvolverá entre os días 24 e 26 de xullo e que volverá combinar actividades relixiosas, propostas musicais, gastronomía popular e deporte nun dos enclaves máis emblemáticos do municipio.

A programación dará comezo o venres 24 de xullo, ás 20:00 horas, cunha espetada moura, que servirá como punto de partida para as celebracións. A continuación será a quenda do Xunco Fest, encargado de abrir o cartel musical desta edición e de crear o ambiente festivo para a primeira xornada.

O sábado 25 de xullo, coincidindo coa festividade de Santiago Apóstolo, concentraranse os principais actos da programación. Ás 13:00 horas celebrarase a misa solemne e a posterior procesión, que contará co acompañamento musical do grupo Fol do Raxal. Rematados os actos relixiosos, a festa trasladarase ao recinto coa sesión vermú, amenizada por A Banda da Loba, mentres que a Discomóbil Conxuro completará a animación durante a xornada.

Ao mediodía tamén se servirán racións de churrasco, cun prezo de 12 euros, nunha proposta gastronómica que busca favorecer a convivencia entre a veciñanza e as persoas visitantes. Xa pola noite, a música volverá ser protagonista co concerto do grupo Ruxe Ruxe, ao que seguirá a actuación de DJ Tomás, de novo coa participación da Discomóbil Conxuro.

As festas despediranse o domingo 26 de xullo cunha xornada na que o deporte terá un papel destacado. Ás 10:00 horas dará comezo unha nova edición do Trail Sargadelos, unha proba xa consolidada no calendario deportivo da comarca. A continuación celebrarase a sesión vermú con DJ Tomás e ofreceranse racións de paella por 10 euros para completar a programación.

As festas están organizadas polo Concello de Cervo e pola asociación Amigos da Troula, que volven apostar por unha programación pensada para todos os públicos.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, convidou á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta celebración, destacando que "as festas de Sargadelos son unha magnífica oportunidade para desfrutar das nosas tradicións, da música en directo e da gastronomía nun enclave patrimonial único". A rexedora animou tamén a achegarse á parroquia durante esas datas para compartir "un ambiente de convivencia e celebración que caracteriza ás nosas parroquias".

0.11990189552307