Sargadelos acolleu a saída da terceira etapa do Camiño do Mar entre Cervo e Xove

AMariñaXa
A alcaldesa cervense, Dolores García Caramés, recibiu os participantes na saída e destacou a importancia desta ruta para promocionar o patrimonio, as paisaxes e a riqueza do territorio
terceira-etapa-camino-do-mar-cervo-xove
27 Oct 2026

Sargadelos foi este domingo o punto de partida da terceira etapa do Camiño do Mar, unha xornada que uniu os municipios de Cervo e Xove e que permitiu aos participantes gozar do patrimonio, das paisaxes e da riqueza natural e cultural da comarca.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, recibiu os camiñantes antes de iniciar a ruta, diante da Sala Cultural Xosé Vizoso, situada no edificio das Carboeiras. A rexedora desexoulles unha boa xornada e un bo camiño. Na saída tamén estivo presente o alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro.

Esta terceira etapa tivo un significado especial para Cervo, xa que partiu de Sargadelos, un lugar vinculado ao patrimonio e á identidade do municipio. Ademais, o Concello vén de ceder á Asociación Amigos do Camiño do Mar un espazo no edificio das Carboeiras para establecer a súa sede e continuar impulsando a promoción desta ruta xacobea.

Desde o Concello de Cervo destacan o seu compromiso co Camiño do Mar, unha iniciativa que consideran unha oportunidade para dar a coñecer o municipio, contribuír á dinamización do territorio e poñer en valor os seus recursos patrimoniais, paisaxísticos e culturais.

A celebración desta nova etapa reforza así a aposta pola difusión do Camiño do Mar e pola colaboración entre os concellos e as entidades implicadas no desenvolvemento desta ruta.

0.14891505241394