Santa Cruz do Valadouro celebra San Roque coa súa tradicional churrascada baixo o carballo

Santa Cruz do Valadouro volverá reunir veciñanza, familiares e visitantes arredor dunha das súas celebracións máis tradicionais. A Asociación de Veciños Santa Cruz do Valadouro prepara para o domingo 23 de agosto unha nova edición da churrascada en honra a San Roque, cun programa que se prolongará desde o mediodía ata a noite e no que non faltarán a música, a gastronomía e as propostas para todas as idades.
A xornada comezará ás 13.00 horas coa misa solemne e posterior procesión. Ao remate dos actos relixiosos, Xinetes do Trópico serán os encargados de animar a sesión vermú e abrir a parte máis festiva da celebración.
A partir das 15.00 horas chegará un dos momentos máis agardados, coa tradicional churrascada baixo o carballo. O menú estará composto por empanada, churrasco, chourizo, crioullo, pan, viño tinto, auga, refrescos, sobremesa, café e chupo.
O prezo será de 20 euros para as persoas socias da asociación e de 25 euros para as non socias, mentres que os nenos e nenas de ata 12 anos pagarán 13 euros. Para facilitar a organización da comida, é necesario comunicar o número de asistentes antes do martes 18 de agosto a través do teléfono 635 892 223 ou contactando con algún dos integrantes da directiva.
A programación continuará ás 18.00 horas cunha sesión de xogos populares a cargo de Sororas. Ademais, durante a festa haberá sorteos e un inchable gratuíto para os máis pequenos, así como carpa e servizo de bar.
A música volverá cobrar protagonismo no tramo final da celebración. Xinetes do Trópico, que xa animarán a sesión vermú, serán tamén os responsables da verbena coa que se pechará a xornada.
Desde a Asociación de Veciños Santa Cruz do Valadouro animan a participar nesta celebración, concibida como unha oportunidade para manter viva a tradición de San Roque e compartir unha xornada de convivencia entre veciños, familias e amigos.