Sanidade cifra no 15,38% o seguimento da folga médica contra o estatuto marco mentres O’Mega elévao ao 81%

GaliciaXa | LugoXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
O seguimento nos sete grandes hospitais públicos galegos situouse no 21,41% durante a mañá, mentres que nos hospitais comarcais foi do 11,20%
manifestacion-medicos-alvaro-cunqueiro
18 May 2026

A Consellería de Sanidade cifrou nun 15,38% o seguimento no turno de mañá da folga de médicos convocada a nivel estatal contra o novo estatuto marco promovido polo Ministerio de Sanidade, mentres que o sindicato O’Mega elevou a participación ata o 81%.

Segundo os datos facilitados por Sanidade, o seguimento nos sete grandes hospitais públicos galegos situouse no 21,41% durante a mañá deste luns, mentres que nos hospitais comarcais foi do 11,20%. No conxunto da atención hospitalaria, a participación acadou o 20,55%. Pola súa banda, na Atención Primaria o seguimento foi do 2,09%.

Por hospitais, o Álvaro Cunqueiro de Vigo rexistrou a maior adhesión ao paro, cun 26,82%, seguido do CHUAC da Coruña, cun 24,27%. O resto de centros hospitalarios moveron as súas cifras entre o 14,85% do CHUF e o 21,94% do CHOP.

Nos hospitais comarcais, o maior seguimento produciuse no Hospital do Salnés, cun 24%, seguido de Verín, cun 13,11%; Monforte, cun 10,81%; e O Barbanza, cun 10,29%.

Na Atención Primaria, a maior incidencia da folga rexistrouse na área sanitaria de Ferrol, cun 3,82%, seguida da de Vigo, cun 3,38%; Pontevedra-O Salnés, cun 2,90%; Ourense, Verín e O Barco, cun 2,12%; Lugo, A Mariña e Monforte, cun 1,84%; Santiago-Barbanza, cun 1,27%; e A Coruña-Cee, cun 0,27%.

A Consellería tamén sinalou que a convocatoria non tivo seguimento nas entidades sanitarias como a Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), Galaria e a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Ademais, destacou que o Sergas mantivo cubertos o 100% dos servizos mínimos para garantir a asistencia urxente e de emerxencias.

No marco da xornada de protesta, un grupo de facultativos concentrouse ás portas do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo para visibilizar as reivindicacións do colectivo. Os médicos mobilízanse para reclamar un estatuto propio e denunciar as condicións laborais actuais, especialmente a obrigatoriedade das gardas de 17 e 24 horas, que aseguran que non computan como tempo efectivo de traballo nin para a xubilación nin para a carreira profesional.

O colectivo médico tamén critica a falta de representación específica nas negociacións laborais desde 2023 e alerta de que a sobrecarga asistencial e as condicións salariais están provocando a marcha de profesionais cara á sanidade privada ou ao estranxeiro. Entre as súas demandas figura a consideración das gardas como horas extraordinarias e a implantación dun modelo sanitario que, segundo defenden, non dependa da sobrecarga dos profesionais para sosterse.

0.11590313911438