San Ciprián afronta os días grandes das festas do Carme

San Ciprián vive esta semana os actos centrais das festas do Carme, despois de que a programación arrancase o pasado sábado cunha concorrida mexilloada popular. Os días grandes da celebración terán lugar este mércores 15 e xoves 16 de xullo, con procesións, misas, sesións vermú e verbenas.

A xornada do mércores 15 comezará ás 14:00 horas cunha sesión vermú amenizada pola Orquestra Supertop. Xa pola tarde, ás 20:00 horas, celebrarase a misa solemne na Igrexa Parroquial de Lieiro, cantada pola Coral Terramar. Ao remate dará comezo a tradicional baixada da Virxe do Carme en procesión ata o peirao, acompañada pola Banda San Inocencio de Burela e o grupo de gaitas A Rebolaxe, de San Ciprián. Durante o percorrido renderase unha homenaxe a Luis Orive López Canoura, colaborador da procesión durante moitos anos e falecido recentemente. A procesión está organizada pola Asociación Mar de San Ciprián. A programación do mércores rematará cunha gran verbena na Praza dos Campos, coa actuación da Orquestra Supertop e do Grupo Kubo.
O xoves 16 de xullo, festividade da Virxe do Carme, os actos comezarán ás 12:00 horas cunha misa solemne no peirao, tamén acompañada pola Coral Terramar. Ao rematar celebrarase a tradicional ofrenda floral na honra dos mariñeiros falecidos, que correrá a cargo de Geluca.
A continuación desenvolverase a procesión ata a Igrexa Parroquial de Lieiro, acompañada pola banda de música O Landro, de Viveiro. Este acto está organizado igualmente pola Asociación Mar de San Ciprián.
Ás 14:00 horas terá lugar a sesión vermú coa Orquestra Costa Dorada, mentres que ás 22:00 horas a Praza dos Campos acollerá unha nova verbena coa participación da Orquestra Costa Dorada e do Grupo Arizona.
A programación festiva continuará o venres 17 de xullo, ás 20:00 horas, co Festival Folklórico Internacional, organizado polo Grupo Folklórico Mistura. As festas rematarán o sábado 18 de xullo, ás 19:00 horas, coa celebración do Festival Folklórico Infantil, tamén organizado por Mistura.
A programación está organizada polo Concello de Cervo, coa colaboración de Anxuela, mentres que a decoración floral corre a cargo da Asociación Mulleres de San Ciprián.