San Cibrao volverá ser escaparate da música e da danza tradicional con dous festivais folclóricos

O Concello de Cervo renovará esta fin de semana a súa aposta pola cultura tradicional coa celebración dunha nova edición do Festival Folklórico Internacional e do Festival Folklórico Infantil, dúas citas organizadas polo Grupo Folklórico Mistura de Lieiro coa colaboración da administración local que volverán converter San Cibrao nun punto de encontro para a música e a danza de raíz.
A Praza dos Campos será o escenario destes encontros, xa consolidados dentro da programación estival do municipio, nos que o público poderá descubrir diferentes manifestacións do folclore procedentes tanto de distintos territorios da Península como do ámbito internacional.
A programación comezará o venres 17 de xullo, ás 20.00 horas, co Festival Folklórico Internacional. Sobre o escenario actuarán a Agrupación Folklórica La Sidrina, chegada desde Lugones (Asturias), o Grupo Folklórico Estampas de México e o Grupo Folklórico Mistura de Lieiro, que exercerá de anfitrión e pechará a primeira das xornadas.
O protagonismo pasará o sábado 18 de xullo á canteira coa celebración, desde as 19.00 horas, do Festival Folklórico Infantil. Nesta edición participarán a Asociación Folklórica Ledaiña de Bagoas da Terra, de Viveiro, o Grupo Folklórico O Feitizo, de Foz, e novamente Mistura de Lieiro, encargado tamén de clausurar o encontro.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, participou na presentación do evento xunto a integrantes do grupo organizador e puxo en valor o labor que desenvolve Mistura de Lieiro ao longo de todo o ano na conservación e difusión do patrimonio inmaterial galego. A rexedora destacou tamén que este festival favorece o intercambio cultural ao reunir en San Ciprián formacións de procedencias diversas e contribúe a enriquecer a programación cultural do municipio.
Desde o Concello salientan que estas dúas citas representan unha oportunidade para seguir promovendo as tradicións, dinamizar a actividade social e atraer visitantes durante o verán. Ademais, os festivais servirán como broche final ás Festas do Carme de San Ciprián, pechando a programación cunha proposta que combina cultura, convivencia e identidade.