San Cibrao presenta o cartel da Maruxaina 2025, festa declarada de interese turístico galego

AMariñaXa
A ilustración gañadora, obra de Blanca Fernández Dacal, serve de anuncio para unha cita chea de tradición mariñeira que se celebrará o 9 de agosto
Cartel-Maruxaina-San-Cibrao-2025
1 Aug 2025

A Asociación Amigos da Maruxaina fixo público o cartel anunciador da edición 2025 da Maruxaina, unha das festas máis emblemáticas do verán en San Cibrao. O deseño escollido este ano, que foi seleccionado mediante concurso, é obra de Blanca Fernández Dacal, quen recibiu os parabéns da organización por crear “un cartel precioso e moi identificativo de San Cibrao”, segundo destacaron nas redes sociais.

A Maruxaina celebrarase o sábado 9 de agosto e está recoñecida oficialmente como Festa de Interese Turístico Galego. A cita, que mestura rituais ancestrais co espírito festivo da costa, supón unha homenaxe colectiva á cultura mariñeira e ao mar como fonte de vida e sustento.

O acto central da festa ten lugar na praia do Torno, pouco antes da medianoite. Nese momento, a vila queda ás escuras e un grupo de homes, vestidos como mariñeiros de outrora, embarca na procura da Maruxaina, mentres fan soar cornos e bucinas para resistir o seu canto de serea. Ao pouco regresan cunha figura que representa á Maruxaina, e entre fogos de artificio e aplausos do público lévana ata a praza da vila, onde será sometida ao simbólico Gran Xuízo Popular polos seus supostos actos do ano.

Se o veredicto é favorable, a serea recibe o perdón do pobo e a festa continúa cunha gran queimada e música; se, pola contra, é considerada culpable, a figura é queimada entre cánticos, bailes e celebracións.

A edición de 2025 promete manter o espírito participativo e teatral desta tradición tan querida en San Cibrao, cunha estética renovada e unha cartelaría que xa esperta entusiasmo na veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.18355703353882