San Cibrao prepárase para acoller a III Carreira Popular Sanci 5 KM

AMariñaXa
A proba, prevista para o 30 de agosto, contará con percorridos para todas as idades e premiará aos mellores clasificados
Cervo-III-Carreira-Popular-Sanci-5-KM-2025
11 Aug 2025

O Concello de Cervo converterase o vindeiro 30 de agosto no epicentro do atletismo popular coa celebración da terceira edición da Carreira Popular Sanci 5 KM. A cita, que arrancará ás 18:00 horas, terá como punto neurálxico a Praza dos Campos, en San Cibrao, onde se instalarán tanto a saída como a meta.

O evento foi presentado pola alcaldesa, Dolores García Caramés, acompañada polo concelleiro de Deportes, David Rodríguez, e por representantes do Club Maderas Barcia Cervo, entidade organizadora coa colaboración do propio Concello.

Segundo detallaron desde a organización, as inscricións permanecerán abertas ata o 26 de agosto a través da web tourmariña.com. Ademais da proba absoluta, deseñaranse percorridos adaptados para as categorías máis novas, que abranguen desde Pitufos Sub 8 ata Cadetes.

A competición repartirá trofeos aos tres primeiros clasificados en cada categoría, así como agasallos para os mellores corredores locais. Ademais, os cen primeiros inscritos na carreira absoluta recibirán unha camiseta técnica conmemorativa.

"Quero convidar a toda a veciñanza e ás persoas amantes do deporte, tanto de Cervo como doutros lugares, a sumarse a esta carreira. É unha oportunidade perfecta para gozar do exercicio, do ambiente festivo e para vivir San Cibrao dunha maneira diferente", destacou García Caramés.

⚙ Configurar cookies
0.17793703079224