Ruta Natural do Cantábrico: de Viveiro a O Vicedo

AMariñaXa
A sexta etapa permite achegarse ás praias de Covas e Abrela e visitar O Cargadoiro e O Fuciño do Porco
Ponte-da-Misericordia-viveiro
15 sep 2024

A sexta etapa do Camiño Natural da Ruta do Cantábrico comeza no municipio de Viveiro e finaliza no Vicedo. O itinerario iníciase na estación de autobuses para chegar á Porta de Carlos V, situada de fronte á Ponte da Misericordia. Crúzase a ría de Viveiro e continúase polo paseo marítimo para virar á esquerda, chegando á praia de Covas. O camiñante deberá cruzar a estrada para tomar a rúa Río Loiba. Logo cruzará pola ponte elevada a vía de FEVE, deixando un típico cruceiro á esquerda do trazado.

Máis adiante abandónase o asfalto polo camiño de terra continuando coa subida polo interior dun eucaliptal. Tal e como marca a sinalización, avanzarase polo interior do bosque ata cruzar por paso inferior a vía férrea. O camiño volve transitar por pista asfaltada entre as vivendas de Escourido, cruzando a estrada LU-862 e tomando o camiño da esquerda. Neste punto, sae un desvío sinalizado ao Cargadoiro. Tras continuar pola estrada, paralelamente á praia de Abrela, tómase o desvío da esquerda para afrontar un tramo de subida.

Chégase a un punto no que o percorrido ofrece dúas alternativas para subir e un desvío de 2 quilómetros que conduce ao Fuciño do Porco. Pouco despois, o itinerario volve ser único. O camiño de terra torna cara ao sur en baixada para tomar a senda da dereita ata a seguinte pista forestal, alternando subidas e baixadas ata a Cruz de San Román, descendendo á praia. A partir deste punto, o camiño coincide coa Ruta Costa do Vicedo (PR-G 156) e avanza en paralelo á praia, cruzando varios accesos á mesma.

Tras percorrer uns 500 metros, ao chegar á estrada LU-862, debido ao seu alto perigo, o camiño queda interrompido durante aproximadamente 700 metros e deberán extremarse as precaucións para retomar o percorrido que se renova por un camiño ata alcanzar a estrada que descende ao núcleo de Vilasouso. O itinerario rodea a pequena península e ofrece unhas inmellorables vistas da illa Coelleira, onde houbo un mosteiro. Tras o descenso, tómase a estrada que conduce á praia de Xilloi e o trazado volve presentar dúas alternativas.

Escollendo a segunda opción o viaxeiro continúa polo paseo marítimo para tomar unha senda e avanza por unha pista forestal paralela aos cantís costeiros. Tomando á dereita o asfalto, tras deixar atrás as vivendas de Piñeiro, chega á praia de Caolín por camiño peonil empedrado, custodiado polas ruínas da antiga fábrica de salgadura. Abandónase o lugar por unha senda estreita para achegarse ata a praia do Vicedo Vello, ao porto pesqueiro e, posteriormente, alcánzase o núcleo urbano, onde un panel informativo indica o final desta sexta etapa.

praia-de-xilloi-Vicedo-2
0.20438003540039