Escola de rugby Asterix de Viveiro: "O mellor do rugby son o compañeirismo, a disciplina e o respecto"
A escola de rugby Asterix comezou con 11 xogadores para ter case 50 fichas en cada categoría e ensina aos pequenos o respeto, a integración e a paixón por un deporte de equipo.
Por Ana Somoza López.
Como comezou a escola Asterix?
A idea nace en Óscar, o noso adestrador, que leva toda a vida ligado ao mundo do rugby, foi xogador moitos anos e seguiu como veterano. Cando deixou de xogar empezou a xerminar a idea de crear a escola como unha maneira de seguir ligado ao mundo do rugby e de traer un deporte estraño para Viveiro. Así foi como a principios de decembro do 2018 os primeiros 11 nenos participaron na primeira toma de contacto cun balón oval.
Porque un nome tan peculiar ao igual que coñecido para a xente?
O nome vén herdado. Algo que non moita xente lembra, mesmo en Viveiro, é que nos 80 en Viveiro tiñamos equipo de rugby o Asterix RAM Viveiro, de aí vén o nome, unha pequena homenaxe aos pioneiros deste deporte en Viveiro. Ademais do nome, herdamos as cores, xa que eles xogaban con camiseta a raias horizontais negra e vermella, nós adaptamos esas cores á nosa nova equipación máis moderna, facendo referencia clara á vestimenta de Asterix e medias celestes e brancas pola bandeira de Viveiro e o pantalón de Obelix.
Cantas categorías ten?
Traballamos tanto con nenos como con nenas, que xogan e adestran xuntos sen distinción por sexo. Temos xogadores desde os 6 anos o máis pequeno na categoria Sub 6, ata os 15 da maior na Sub 16. En categorías Sub8, Sub10 e Sub12 acadamos un número suficiente de xogadores como para poder participar en xogos sen necesidade de combinar con outros equipos e logo están as nosas sub14, as actuais campioas galegas.
Aumentou entón o número de xogadores desde o 2018?
Pasamos deses 11 xogadores iniciais a case 50 fichas en todas as categorías. A verdade é que estamos moi contentos coa progresión da escola, mais non podemos pedir.
O rugby require forza, resistencia e velocidade, como son os adestramentos?
Bueno, máis que forza, resistencia e velocidade tentamos traballar o respecto, a integración, a paixón e a integridade, calidades que os nenos poden levar no seu día a día fóra dos adestramentos, tentamos que todos sentan importantes, por que o son, dentro do equipo, que se respecten entre eles, que nos respecten a nós, que aprendan a xogar limpo e que cando chegas un golpe o único que podes facer é levantarche para seguir xogando, imos, como a vida mesma. Ao final no campo todos atopan o seu sitio, o que é máis rápido, o que o é menos, o máis forte ou o que é mais pequeno…
Que é o mellor deste deporte? E o peor?
Co mellor teño que volver aos valores e as leccións que da o rugby para aplicar en calquera faceta da vida. O compañeirismo, a disciplina e sobre todo o respecto, é fundamental na vida. Como o peor diría que o descoñecemento xeral a este deporte, a imaxe que proxecta fóra é dun deporte duro, violento mesmo, e nada mais lonxe da realidade, hai dureza desde a deportividade e sempre coas regras que o xogo marcan, pero non violencia.
Como se mantén unha escola de rugby?
Pois para os nenos é unha actividade gratuíta e para subsistir facémolo grazas ás subvencións tanto do Concello de Viveiro como da Deputación de Lugo e a todos os nosos patrocinadores, A Chabola, O Café de Maria, Graficas Lareira, Mel dá Costa, Freos Carpe, Brammer, Blinker. á xente de Aspanane Viveiro polo seu traballo connosco, Graffitti, aos de Deinde polos equipamentos, Amura coas súas máscaras deportivas e algunha que outra doazón anónima dee material ou fondos para que isto poida seguir adiante. Tamén a todos os pais e nais que se envorcaron co proxecto desde o minuto 1. Mención especial para Elsa Porto, xogadora do CRAT e internacional española e a Maitane Bujan, tamén xogadora do CRAT e Viveirense, madriñas do noso equipo.
Algún partido que lembren con agarimo ou que marcara un momento inesquecible?
Realmente todos, xa que ver crecer a representación de Viveiro nas concentracións ao longo deste tempo é incrible desde a primeira vez que foron xogar 10 nenos sen equipación e cunhas camisetas de algodón feitas ás présas ata a última vez onde roldamos os 25 xogadores con dous quipos completos. Pero se me teño que quedar cunha soa sería a do pasado 6 de xuño na Coruña onde as nenas do Sub14 foron campioas galegas. Foi moi bonito volver ao campo da nosa primeira concentración onde, como dixen, non tiñamos nin equipación para ver ás nenas gañar.
Algunha anécdota que siga arrincando unha sorrisa?
Uff, a verdade é que moitas, pasámolo ben cando imos fóra a xogar. Sempre quedas coas primeiras veces porque estabamos moi perdidos, pareciamos Paco Martínez Soria en La ciudad no es para mi, algúns pais preguntaban que cando se gritaba gol aquí.