Rubén García Freije tomou posesión como novo alcalde de Trabada

AMariñaXa
Rubén García Freije tomou posesión como novo alcalde de Trabada nun emotivo acto no que participaron veciños e familiares así como cargos políticos da provincia.
Ruben garcia freije alcalde trabada 2024 1
19 Xan 2024

Rubén García Freije tomou posesión como novo alcalde de Trabada nun emotivo acto no que participaron veciños e familiares así como cargos políticos da provincia.

Estre estes atopábanse a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, o presidente da Deputación de Lugo, José Tome Roca, e a ex alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez. Ademais, tomou tamén posesión como concelleiro Pablo González Lastra, que xa estivo de concelleiro no anterior mandato municipal.

Isabel Rodríguez animouno a seguir o camiño que trazou para o municipio a xa ex alcaldesa, Mayra García, e desexoulle moitos éxitos na xestión do concello para estes anos. A subdelegada trasladoulle o seu convencemento de que tratará os asuntos da vila coa máxima responsabilidade e ofreceu a colaboración da Subdelegación para seguir a realizar melloras neste concello.

“Grazas á miña familia e aos meus amigos por acompañarme neste día e por apoiarme en todo momento. Teño que facer un especial agradecemento á persoa culpable de que eu estea hoxe aquí, a capitana deste barco e unha amiga e compañeira que soubo facerme ver a política dun xeito diferente. Como ben sabedes esa persoa é Mayra. Grazas por acompañarme hoxe e por cambiar Trabada”, asegurou Rubén García.

“Afronto o reto de ser alcalde de Trabada con moita responsabilidade, con moitas ganas e con moita ilusión. Prometo traballar para seguir
mellorando a vosa calidade de vida a dos veciños e veciñas de cada unha das oito parroquias do noso Concello”, engadiu.

O novo alcalde comprometeuse a “seguir apostando polos servizos públicos e pola política de proximidade; seguirei apoiando o sector primario como un dos piares básicos do noso concello, e tamén seguirei mellorando as infraestruturas e os viais no noso pobo rodeado do mellor equipo".
"Grazas aos meus compañeiros e compañeiras, entre todos imos seguir traballando para mellorar Trabada", apuntou.

"Aos concelleiros da oposición quero tendervos unha man ó diálogo e ó entendemento. Sempre desde o respeto e a rigurosidade”, dixo García, antes de rematar lembrando “a unha persoa que sei que estaría moi feliz e orgulloso de escoitarme e verme neste momento. Esa persoa e meu avó Benito, unha persoa que foi e será exemplo de traballo e sacrificio. Sei que desde donde estea me vai apoiar neste gran reto”, rematou.

0.050450086593628