Rodean con mochilas o Castro de Ouro de Alfoz para denunciar os recortes educativos
As familias do CEIP Plurilingüe Castro de Ouro de Alfoz levaron a cabo un acto simbólico na entrada do colexio para visibilizar a súa indignación pola falta de recursos educativos, en particular pola ausencia dunha especialista en Pedagoxía Terapéutica (PT). As mochilas dos nenos, que por segunda semana consecutiva non acoden ao centro escolar, foron colocadas diante das portas do colexio como símbolo da loita que están a manter contra o abandono da Xunta de Galicia.
A comunidade educativa leva semanas esixindo a cobertura desta praza, fundamental para o apoio e atención do alumnado con necesidades especiais. As familias destacan que a situación se agrava co paso dos días e denuncian que a falta dunha profesional de PT está a prexudicar gravemente o proceso de aprendizaxe dos seus fillos. "Os nosos nenos necesitan esta atención especializada para poder avanzar correctamente nos seus estudos, e a Xunta está a negárllela", comentaron as familias presentes na protesta.
A pesar do aumento da matrícula escolar este curso, a administración autonómica segue sen dotar o centro dos recursos necesarios. "Antes aceptamos os recortes cando había menos nenos, pero agora non hai xustificación algunha para non cubrir esta praza. A falta dunha especialista en PT non só vulnera o dereito á educación dos nosos fillos, senón que tamén afecta o bo funcionamento do centro", sinalaron. A situación de bloqueo que viven as familias xerou un ambiente de desesperación e impotencia. "Non podemos seguir así. Estamos a ver como o futuro académico dos nosos fillos está en risco pola inacción da Xunta, e iso é algo que non imos permitir", engadiron.
Ante a falta de resposta por parte das autoridades, as familias confirmaron que volverán reunirse para deseñar os seguintes pasos na súa protesta. "Non descartamos máis mobilizacións nas próximas semanas se isto non se resolve pronto. Temos claro que non nos rendiremos ata que a Xunta cubra a praza de PT e garanta os recursos que o noso colexio necesita", explicaron. As familias teñen claro que non van deixar de loitar polos dereitos educativos dos seus fillos. "É moi
frustrante que teñamos que estar nesta situación, pero aínda é mais triste que a Xunta non nos considere como interlocutor válido, e non se digne a falar directamente con nós", lamentan.
Ademais, apuntan que a administración prefire financiar eventos que non teñen impacto na educación dos máis pequenos, en lugar de garantir un ensino de calidade no rural. “Non podemos permitir que a Xunta siga ignorando as necesidades do noso colexio, mentres gasta cartos en festas e concertos que patrocina e abandeira a Delegación da Xunta en Lugo”, engaden. As familias tamén indican que, "sabemos que o tema dos agrupamentos e dos recursos educativos no rural é complexo, pero non imos rendernos. Esta situación desgraciadamente rematará nos tribunais, e cando nos dean a razón, os nosos fillos xa estarán na universidade". As familias do CEIP Castro de Ouro reiteran que seguirán esixindo unha solución inmediata por parte da Xunta e non descartan levar a cabo novas medidas de presión se a situación non se desbloquea nas próximas semanas.
Prolongar a folga
As familias consideran que “hai un abismo enorme entre dicir que non se necesita unha especialista en PT e afirmar que cos recursos actuais se pode atender con calidade ao alumnado”. Non hai vencedores nin vencidos, pero “hai un perdedor claro: os nosos nenos, que non están a recibir o apoio necesario. Temos claro que hai recursos para enviar ao noso centro, pero a Xunta quere castigarnos polas nosas reivindicacións e por alzar a voz ante a súa inacción”.
A decisión de continuar con novas medidas de protesta tomouse tras unha reunión, despois de recibier as novas sobre a xuntanza mantida este luns entre a Dirección do Centro e o Delegado Territorial da Xunta, Javier Arias, “quen tampouco quixo atender as demandas das familias do CEIP Castro de Ouro, poñéndose de perfil e ignorando as necesidades educativas que leva tempo reclamando a comunidade escolar”. As familias saben que, nalgún momento, por responsabilidade, terán que volver levar os nenos ao colexio.
"Somos nós quen temos que facer o correcto, pero a administración segue negándose a facer o seu traballo. A nosa loita non remata aquí. Seguiremos adiante con novas accións e, desde a ANPA, continuaremos apoiando ás familias con nenos con necesidades especiais nas súas reivindicacións", anuncian. Ademais, as familias denuncian as ameazas recibidas con expedientes de absentismo escolar. "Amenazar aos pais con expedientes de absentismo non é a maneira de solucionar a situación, e por suposto non é maneira de parar a nosa loita. Non nos amedrentarán con este tipo de presións ruíns", afirman con rotundidade.