Riotorto volve acoller a proxección do documental sobre a historia dos segadores de Órrea

TerraChaXa | AMariñaXa
31 persoas, superviventes desa experiencia, contan de primeira man como era a vida na parroquia neses anos e como se desenvolvía a sega en Castela
segadores-de-orrea-castela
26 Oct 2024

A Asociación de Veciñas e Veciños de Órrea volverá proxectar en Riotorto a peza documental Segadores de Órrea en Terras de Castela: unha historia de heroes, que recolle os testemuños de 31 segadores da parroquia sobre a súa experiencia nas segas en Castela durante as décadas dos cincuenta, sesenta e setenta do século pasado.

Esta sesión será hoxe, sábado, ás 20.00 horas, na casa da cultura Avelino Díaz.

Con esta actividade, rematan as xornadas Terra de Miranda na súa V edición. Serán presentadas tamén dúas unidades didácticas, sobre os ferreiros e sobre os segadores mirandeses, elaboradas ao mesmo tempo ca o documental. Estas unidades didácticas acaban de recibir un dos Premios Educacompostela para materiais didácticos que contribúen ao desenvolvemento educativo de Galicia, favorecendo a innovación, a calidade na educación e a renovación pedagóxica.

Cada ano entre 30.000 e 60.000 labregos galegos abandonaban as súas facendas para participar nas segas de Castela. Este fenómeno de emigración de tempada durou 300 anos, dende o século XVII ata os anos 60 do século XX. A parroquia de Santa Comba da Órrea participou deste proceso dun xeito moi activo, pois poucas casas quedaron sen mandar algúns dos seus homes -todos homes- a Castela durante o verán.

31 persoas, superviventes desa experiencia, a última testemuña viva e todas nacidas na Órrea, contan de primeira man como era a vida na parroquia neses anos e como se desenvolvía a sega en Castela. O documental recibiu críticas moi positivas.

A parroquia de Santa Comba da Órrea, no concello de Riotorto e na comarca non recoñecida oficialmente da Terra de Miranda, sufriu como ningunha outra unha emigración traumática da que é mostra evidente o tema desenvolvido polo propio documental. Nos seus 13 km2 viven de xeito permanente na actualidade non máis de 50 persoas.

Desde unha perspectiva estritamente realista, trátase dun documento singular, de 50 minutos de duración, de gran valor antropolóxico, social, cultural e incluso histórico, que xa lle foi solicitado á Asociación de Veciños e Veciñas desde diferentes puntos de Galicia. O documental foi dirixido pola xornalista Vanesa Gómez e a deseñadora e fotógrafa Laura Alonso, e foi financiado pola Área de Cultura, Patrimonio Histórico-Artístico e Normalización Lingüística da Deputación Provincial de Lugo.

0.1618058681488