Riotorto celebrará a Festa das Xeracións o 7 de novembro cunha xornada de convivencia e música

Riotorto celebrará o sábado 7 de novembro a Festa das Xeracións, unha xornada pensada para reunir a veciñanza, familias, amizades e compañeiros de traballo arredor da gastronomía, a música e a convivencia. As actividades desenvolveranse no pavillón polideportivo de Riotorto.
O programa comezará ás 13.30 horas coa sesión vermú e o tardeo, amenizados por Bombardero. A organización anima a participar tanto de maneira individual como en grupo, ofrecendo a posibilidade de acudir con amizades, compañeiros de traballo ou parella.
Ás 15.00 horas terá lugar o xantar, cun menú composto por croquetas, arroz caldoso, tenreira guisada, sobremesa, bebida, café e licores. O prezo será de 35 euros por persoa, mentres que para os nenos e nenas de 3 a 12 anos será de 15 euros. O servizo correrá a cargo de Catering O Sarredo.
A programación tamén contará con inchables gratuítos para os máis pequenos, co obxectivo de que a xornada estea aberta a participantes de todas as idades.
As entradas están á venda no Hotel San Briz, na Pontenova, na estación de servizo de Riotorto e en Tibor, en Meira. Tamén se poden reservar chamando ao 603 456 797 ou contactando directamente coa comisión de festas. A data límite para adquirir os tickets é o 4 de novembro.
A celebración está organizada pola Comisión de Festas de Riotorto, que convida á veciñanza a participar nunha xornada de encontro entre diferentes xeracións, con gastronomía, música e actividades para toda a familia.