Riotorto acolle o sábado o Campionato de España de Carrilanas
O próximo sábado, 7 de setembro, terá lugar a terceira baixada das carrilanas en Riotorto, debido ao éxito das edicións precedentes.
A actividade está organizada pola Asociación de Carrilanas os Meiregos, un club formado por veciños e amigos de Meira e esta celebración ten o dobre obxectivo de reivindicar esta práctica e ao mesmo tempo traer turismo á zona e axudar aos negocios.
A proba acollerá o Campionato de España, ademais de ser puntuable para as Copas Galicia e España.
O horario do evento comezará ás 11.00 horas coas verificación técnicas e administrativas, de 13.00 a 14.00 horas haberá un pincheo. Ás 15.15 horas comezará o remonte de participantes á liña de saída, despois do briefing de pilotos, para comezar cos adestramentos oficiais.
A continuación serán as baixadas oficiais, dúas, que se desenvolverán ata as 19.00 horas.
Recibirán premio os tres mellores de cada categorías e Scartch General. O día 4 será o último día para inscribirse na proba, que contará con pavillón para acampada, servizo de baños e duchas desde o venres ao domingo.
A provincia de Lugo xa conta con varias probas en diferentes concellos, como no de Meira, que celebrou o 1 de xuño ou o de Abadín, que este ano non se celebrou, aínda que si se fixo na Pontenova e comezaron a tempada no barrio de San Lázaro, en Lugo.