Riotorto abre o prazo para solicitar o alugueiro das vivendas sociais do Pontigo

TerraChaXa | AMariñaXa
As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes ata o 18 de xuño de 2026
casa-do-concello-de-riotorto
23 May 2026

O Concello de Riotorto abriu o prazo para presentar solicitudes para participar no procedemento de selección de arrendatarios das vivendas municipais en réxime de alugueiro social situadas no Pontigo.

Segundo recolle o bando asinado polo alcalde-presidente, Clemente Iglesias González, as bases reguladoras deste procedemento foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Lugo o pasado 16 de maio de 2026.

As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes durante un prazo dun mes desde a publicación das bases, polo que o período permanecerá aberto ata o 18 de xuño de 2026, incluído.

Entre os requisitos establecidos figura acreditar ingresos entre unha e dúas veces e media o IPREM correspondente ao ano 2026. Ademais, poderán participar persoas ou unidades de convivencia nas que a persoa solicitante sexa maior de idade ou menor emancipada, conte con nacionalidade española ou residencia legal en España e a unidade familiar estea composta por entre tres e catro membros, adaptándose ás características da vivenda.

Tamén se establece que ningunha persoa integrante da unidade de convivencia poderá ser titular doutra vivenda en propiedade, usufruto ou dereito de uso en todo o territorio nacional, salvo nos supostos previstos nas bases para vivendas inadecuadas ou insuficientes.

Outro dos requisitos será estar inscrito no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia ou ter solicitada a inscrición antes de que remate o prazo de presentación. Así mesmo, as persoas solicitantes deberán estar ao corrente no pagamento dos tributos municipais e non manter débedas pendentes co Concello de Riotorto.

As solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello ou a través da sede electrónica municipal.

Desde o Concello indican que para obter máis información as persoas interesadas poden consultar as bases completas publicadas no BOP de Lugo do 16 de maio de 2026 ou acudir ás oficinas municipais.

0.11598920822144