Ribeira de Foz incorpora un carro para retirar embarcacións da auga e facilitar o seu mantemento

Foz
AMariñaXa
O equipamento, financiado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, permite trasladar barcos de ata 10 metros de eslora e tres toneladas de peso
Ribeira-de-Foz-incorpora-un-carro
23 Oct 2026

A asociación Ribeira de Foz conta cun novo carro de varada móbil para facilitar a retirada da auga das embarcacións atracadas nos peiraos do municipio. A adquisición foi posible grazas a unha subvención da Área de Medio Rural, do Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O novo dispositivo está deseñado para mover en terra firme barcos de ata 10 metros de eslora e tres toneladas de peso. A súa incorporación permitirá realizar tarefas de mantemento con maior facilidade e responder a situacións de emerxencia que fagan necesaria a retirada dunha embarcación, como vías de auga ou cabos e redes enredados na hélice.

A iniciativa xurdiu tras as xestións da asociación co concelleiro de Foz Francisco Javier Fanego e co deputado provincial responsable da área, Daniel García Fernández, para buscar unha solución ás dificultades que existían ata agora para realizar estes traballos.

Ademais de simplificar as operacións, o carro busca reducir o esforzo físico e os riscos durante a manipulación das embarcacións, especialmente no caso das persoas maiores ou con dificultades de mobilidade. A medida tamén contribuirá a reducir os custos de conservación dos barcos e facilitar o acceso a estes servizos.

O equipamento foi fabricado por Construcións Metálicas Bidueiros, S.A., empresa con sede en Cervo, e conta coa homologación e o correspondente certificado de fabricación CE.

Desde Ribeira de Foz agradeceron o apoio da Deputación e a colaboración municipal para materializar unha mellora coa que pretenden ampliar os servizos aos usuarios dos peiraos e impulsar a actividade náutica local.

0.27883505821228