RibadeoXVivo, a nova guía de turismo activo
RibadeoXVivo así se denomina a nova guía de turismo activo na natureza que acaba de editar o Concello con toda a información relacionada coas empresas de lecer que operan no territorio. Recolle máis de 20 actividades diferentes. Atópase en formato papel nas oficinas de turismo e tamén pode descargarse na páxina web de Turismo de Ribadeo.
A área xeográfica que abarca o territorio do concello de Ribadeo é un enclave natural de alto valor ecolóxico, cunha elevada concentración de recursos naturais e paisaxísticos singularmente recoñecidos. Estamos a falar, por exemplo, da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón, ou dos espazos encadrados na Rede Natura 2000, como o ZEC Ría de Ribadeo e o ZEC As Catedrais, tamén a propia ría de Ribadeo como Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA) e Humidal Protexido ou As Catedrais como Monumento Natural, enclaves que fan do concello de Ribadeo un paraíso para a práctica de todo tipo actividades e deportes ao aire libre.
Nesta guía recollese toda a información relacionada coas empresas de lecer que operan no territorio do Concello. Sendeirismo, ecoturismo, rutas BTT, paseos en barco, surf, kitesurf, canoas, piraguas, vela, mergullo ou parapente, son entre outras moitas, as propostas de lecer e tempo libre que se poden atopar nesta nova e atractiva guía que se acaba de publicar, tanto en formato de papel como dixital.