Ribadeo volverá completar a bandeira do Orgullo cunha campaña que une diversidade e comercio local

O Centro de Información á Muller do Concello de Ribadeo volverá promover este ano a campaña “Completa a bandeira do Orgullo”, unha iniciativa que busca implicar á veciñanza, ao comercio e á hostalaría local na celebración do Día Internacional do Orgullo LGTBI. A proposta desenvolverase entre o 15 de maio e o 21 de xuño, data na que terá lugar a festa principal organizada na vila.
A actividade consistirá nun percorrido colaborativo polos establecementos participantes, nos que as persoas asistentes deberán reunir seis selos diferentes para completar unha tarxeta e poder entrar nun sorteo final. Desde o CIM explican que o obxectivo é crear unha campaña dinámica e participativa que axude a visibilizar a diversidade e, ao mesmo tempo, contribúa a dinamizar o tecido comercial e hostaleiro de Ribadeo.
As tarxetas repartiranse polas rúas e tamén poderán recollerse gratuitamente nas instalacións do propio Centro de Información á Muller. Ademais, nas redes sociais difundiranse os locais colaboradores para facilitar que a xente poida completar a súa particular bandeira do Orgullo.
Desde o CIM destacan especialmente a implicación da asociación Acisa, que colabora na difusión da campaña e na coordinación co comercio local. Tamén agradecen a participación de diferentes negocios da vila que aportarán agasallos e sorpresas para o sorteo final, entre eles Bora Bora, Galán, Pan de Limón, 2Barbers, Aware Cakes ou Ribeirao.
Entre os premios principais figuran un brunch para dúas persoas en DeLira e un lote de produtos da zona do Ferrado Marelo, aos que se sumarán outros detalles achegados polos establecementos colaboradores.
O sorteo celebrarase o 21 de xuño coincidindo coa festa do Orgullo programada no parque de San Francisco. A xornada contará cun ambiente aberto e festivo no que haberá música, actividades de animación e unha festa Holi chea de cor. Ademais, está prevista a actuación de Eris Mackenzie.
Desde o Centro de Información á Muller animan á cidadanía a participar nesta proposta, apoiar ao pequeno comercio e contribuír a construír unha vila “máis diversa, respectuosa e orgullosa da súa pluralidade”.