Ribadeo, Trabada e Barreiros acollen en maio a I Half Triatlón
O Concello de Ribadeo acollerá o I Half Triatlón Ribadeo que se celebrará o día 15 de maio. A proba é puntuable para o Ranking Nacional de Triatlón de Media e Larga Distancia e contará coa participación de máis de 500 atletas. A saída terá lugar ás nove da mañá da praia dos Bloques. As inscricións pódense realizar en www.halftriatlonribadeo.com.
A saída será ás nove da mañá da praia de Os Bloques. É unha proba de carácter nacional polo que se espera tanto público como atletas de toda España. Consiste nunha proba de tríatlon de distancia media-longa. Hai dúas modalidades: unha que son mil metros nadando, corenta quilómetros en bicicleta e dez correndo; e outra que é o dobre, dous mil metros nadando, oitenta quilómetros en bicicleta e vinte de carreira a pé. As probas de natación desenvólvense na praia de Os Bloques. O circuíto ciclista sobe pola zona de Santa Cruz ata chegar ás proximidades de Trabada e a carreira a pé é toda pola zona do casco de Ribadeo chegando ata o Faro e volta.
O organizador da proba, Víctor Martínez, dixo que “é un tipo de tríatlon que polas súas características é unha proba de turismo deportivo, porque cando é tan larga a xente non vén e vaise, xa que teñen que descansar antes e despois. Está pensado para que nos visite xente de toda España. Este ano, a pesar das limitacións e das circunstancias, e que a xente de momento se non cambia ata o día 15 non poden vir acompañados, estimamos que vai haber en Ribadeo ao redor de 300 ou 400 prazas de aloxamento. Imos ter entre 500 e 600 participantes. Neste momento xa estamos en 470 e falta un mes. Practicamente o 50% dos participantes non son de Galicia, pero mesmo de Galicia todos os que non estean moi próximos tamén teñen que aloxarse en Ribadeo. Virá xente de Pontevedra, de Ourense, de Vigo, da Coruña, etc”.