Ribadeo sumará seis vivendas públicas de alugueiro no casco histórico para menores de 36 anos

AMariñaXa
A Xunta investirá 2,3 millóns de euros na rehabilitación de tres inmobles a través do Plan Rexurbe
261021-Foto-Concello-Ribadeo
14 Jan 2026

Ribadeo contará proximamente con seis novas vivendas públicas de alugueiro situadas no corazón do seu casco histórico, que estarán destinadas de maneira preferente a persoas menores de 36 anos. As futuras vivendas localizaranse nos números 2 e 4 da rúa Bispo Veres e no número 32 da rúa Trinidade, inmobles que serán rehabilitados ao abeiro do Plan Rexurbe, cun investimento global de 2,3 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia.

O proxecto xa se atopa publicado no perfil do contratante, polo que as empresas interesadas en executar as obras poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 19 de febreiro. A actuación permitirá recuperar edificios emblemáticos da zona histórica de Ribadeo e poñelos ao servizo da cidadanía mediante vivenda pública en réxime de alugueiro.

O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, explicou que o reparto das vivendas será de dúas na rúa Trinidade e catro na rúa Bispo Veres, destacando o seu emprazamento privilexiado. Segundo indicou, trátase de inmobles “con vistas directas á ría de Ribadeo e ao casco histórico”, nun entorno que cualificou de singular. O rexedor subliñou que o Concello mantén unha estratexia clara en materia de vivenda, apostando por buscar novas oportunidades e promover a construción e rehabilitación de inmobles, un camiño que, segundo afirmou, “estamos a percorrer e imos conseguir”.

Vega tamén sinalou que esta actuación responde a dous dos obxectivos marcados polo actual goberno municipal: impulsar políticas de vivenda e dar resposta ás necesidades da veciñanza, cumprindo cos compromisos adquiridos. Ademais, agradeceu o apoio e os investimentos realizados pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas en Ribadeo.

Pola súa banda, a conselleira María Allegue explicou que as seis vivendas serán adxudicadas en réxime de alugueiro ás persoas inscritas no rexistro de demandantes do Concello de Ribadeo, establecendo como criterio prioritario a idade, con preferencia para menores de 36 anos. Allegue destacou que o obxectivo principal deste tipo de actuacións é revitalizar os cascos históricos e contribuír á súa dinamización social e residencial.

Durante a visita tamén interveu a proxectista da actuación, Lucía Fernández, quen detallou as características técnicas da rehabilitación, os materiais que se empregarán e a distribución interior das futuras vivendas. Ao acto asistiron igualmente o director territorial da Consellería de Vivenda en Lugo, Marco Antonio Piñeiro, así como varios membros da corporación municipal.

⚙ Configurar cookies
0.076807022094727