Ribadeo seguirá pelexando por un segundo acceso dende a Autovía do Cantábrico

AMariñaXa
O alcalde Dani Vega critica a falta de proxectos técnicos e considera que o goberno central descoñece as necesidades de comunicación da vila
Imaxe do alcalde de Ribadeo
25 Out 2024

O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, reafirmou o compromiso do Concello de seguir loitando por un segundo acceso á vila desde a Autovía do Cantábrico (A-8), malia a recente negativa do goberno central a estudar ou executar esta infraestrutura. Vega mostrouse “totalmente decepcionado” coa resposta do executivo, entregada ao Grupo Popular no Senado, e tachouna de “lamentable”, criticando que carece de calquera análise técnica ou estudo sobre a necesidade deste acceso.

Vega subliñou que a demanda dun segundo acceso non é nova, senón unha reclamación histórica apoiada por gobernos e alcaldes anteriores, en resposta á importancia de manter boas comunicacións para un concello como Ribadeo, que vive do turismo, dos servizos e do comercio. "Este goberno actual descoñece o que é Ribadeo e ignora a necesidade de aproveitar o paso da autovía para mellorar o noso acceso," sinalou o alcalde.

A pesar da resposta negativa do goberno central, o alcalde declarou que Ribadeo non abandonará a loita. “Imos instar novamente ao goberno para que redacte e concrete un proxecto para este acceso, que para Ribadeo é fundamental. Unha vila como a nosa, cunha forte actividade económica, necesita boas comunicacións e por iso seguiremos loitando”, reiterou Vega.

0.26739406585693